Concello de Sanxenxo - A UNIDADE DE DESENVOVEMENTO INFANTIL E APOIO FAMILIAR DE VILALONGA ATENDEU A 110 NENOS E NENAS DO SALNÉS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 

O 36% das familias atendidas durante o primeiro ano de funcionamento do servizo eran de Sanxenxo

 

Sanxenxo, 23 de abril de 2024.- O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, acompañado da concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, visitaron esta mañá xunto a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, a Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar do Salnés Sur (UDIAF-Salnés Sur) con motivo do primeiro ano da súa posta en marcha en Vilalonga. 

O presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponte, fixo balance da actividade do centro que atendeu desde o inicio, en abril de 2023 ata o 31 de marzo de 2024, a 110 familias na súa sede en Vilalonga. O que representa un 5% da poboación de 0 a 6 anos da súa zona de cobertura.  A Udiaf Salnés Sur forma parte, xunto coas Udiaf do Deza, Bergantiños e Salnés Norte, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social e Xuventude.  Forma parte da Rede Galega de Atención Temperá e ofrece atención á familias residentes nos concellos de Cambados, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia e Sanxenxo.

A creación da unidade tivo lugar en 2023 para dar unha mellor resposta as necesidades asistenciais da zona Sur do Salnés. O mobiliario e acondicionamento da Unidade foi posible grazas a un convenio asinado pola AGAT co concello de Sanxenxo.

A unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento os nenos de 0 a 6 anos. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos/ás nenos/as dende outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos. En total, na atención das 110 familias en toda a comarca  realizáronse 1.976 prestacións de apoio personalizado e 399 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos.

No que se refire á orixe da demanda dos concellos do sur da comarca do Salnés, a maior parte das familias atendidas no último ano (36%) eran de Sanxenxo, un 15% en Cambados, 15% en O Grove, 12% en Meis e 11% Meaño e Ribadumia.

Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha satisfacción global de 4,89 sobre un máximo de 5. Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servicio e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza.

enquisa

Enquisa avaliada por 56 de 83 familias (65,5%)

 

Na actualidade, a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de 2 psicomotricistas, 1 psicóloga, 1 logopeda e 1 auxiliar administrativo.  Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto para as familias dos concellos do sur da comarca do Salnés.

O alcalde destacou a “importante labor que realiza a unidade” e animoulles a seguir traballando coas familias de Sanxenxo e da comarca. “É para nós un orgullo e unha honra contar con este servicio e xa sabedes que estamos aquí para o que necesitedes”, expuxo e agradeceu a implicación da Xunta.

Abeijón destacou a “importancia da colaboración institucional para realizar un servizo tan importante coma este” e apuntou como dato que “no 2009 só había dúas unidades como esta en Galicia que cubrían 14 concello e hoxe temos 46 que cubre 200 concellos. O obxectivo desta lexislatura é chegar a todos os concellos de Galicia e crear un novo servizo a partir dos 6 anos cando seguen requerindo esta atención”.

0
0
0
s2sdefault