Educación repartirá un total de 2.000 exemplares entre o alumnado de Primeiro a Cuarto de Primaria
Sanxenxo, 18 de abril de 2024.- Unha guía en papel que permita ás familias e aos centros educativos traballar a seguridade viaria a través de personaxes xa coñecidos no municipio como o Poli Paco, Ero o Bombeiro, o avó Nicolás, a Poli Lola... Ese é o principal obxectivo do conto que o Concello de Sanxenxo, en colaboración co policía local, Abelardo Martínez, e a ilustradora, Yolanda Martínez, acaba de publicar para os escolares do municipio. Os exemplares presentáronse esta mañá na Biblioteca do Auditorio Emilia Pardo Bazán. "Imprimimos 2.000 unidades para ou alumnado de primeiro e ata cuarto de Primaria. A idea é dispoñer dunha unidade didáctica coa que os centros poidan traballar e reforzar ou traballo de seguridade viaria que vén facendo dende hai anos o Poli Paco", asegura Nati Parada, concelleira de Educación.
O conto aborda situacións cotiás na que se deben aplicar as normas de seguridade viaria e nas que se traballa de forma transversal as formas xeométricas, o abecedario e profúndase no coñecemento do municipio. "Hai cancións en códigos QR, figuras para colorear e espazos do municipio como o parque da Panadeira, a senda do río Pintillón en Dorrón, a bandeira de Sanxenxo... para que os nenos poidan familiarizarse coa contorna", explica Abelardo Martínez. As normas de seguridade viaria tamén aparecen en pictogramas para facilitar a aprendizaxe de nenos e nenas con TEA. "Sanxenxo é o quilómetro 0 da seguridade viaria e así se reflicte na portada na que se fai unha guiño a outros municipios tamén moi implicados na seguridade viaria como Priego de Córdoba ou Mairena de Aljarafe", apunta Martínez.
Das ilustracións e da encadernación encargouse Yolanda Martínez que destacou que é "un conto realizado en conxunto con moito agarimo, moito detalle, moito mimo e moito traballo" e incidiu, "estamos a desexar que esta idea que xurdiu xa na pandemia poida ser testada polos nenos e nenas nos coles".
Pola súa banda, o edil de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez destacou a brillante traxectoria que ten o municipio en seguridade viaria "grazas ao papel de Abelardo Martínez e, agora tamén de Santi Salomón de Emerxencias nos colexios". Isto só é un paso máis dos que están previstos polas concellarías de Educación e Seguridade Cidadá. "Xa estamos a traballar na creación de camiños escolares seguros e esperamos poder polos xa nalgúns centros educativos en marcha moi pronto", asegurou.