Concello de Sanxenxo - SANXENXO MANTÉN A SÚA APOSTA POLA RECICLAXE COA CAMPAÑA "CIRCULA A TÚA LATA" EN OITO PRAIAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo dá un novo paso na reciclaxe de residuos coa campaña "Circula a túa lata" que se porá en marcha todos os fins de semana de agosto en oito areais. A iniciativa, que se presentou onte na praia de Canelas, enmárcase dentro do programa europeo de sensibilización ambiental "Cada lata conta" que ten como obxectivo concienciar e sensibilizar sobre a importancia de reciclar para fomentar a economía circular e promover o turismo sustentable.
A primeira tenente alcalde de Sanxenxo, María Deza, destacou a importancia de iniciativas deste tipo para un municipio que leva anos apostando por ser o destino turístico de referencia en reciclaxe. "En 2019, Sanxenxo duplicou a taxa nacional de reciclaxe en vidro e este ano, a pesar de ser atípico pola situación sanitaria, os datos xa revelan unha tendencia á alza en envases e papel, do 11,56% e 20,81%, respectivamente", explicou.

A campaña "Circula a túa lata", en colaboración con Estrela Galicia, percorrerá as praias de Silgar, Areas, Montalvo, Pragueira, Major, Canelas, Baltar e A Lanzada con educadores ambientais equipados con mochilas recolectoras de latas. "Tras a boa acollida o ano pasado da campaña #daralata xunto a Estrella Galicia nos grandes festivais de música da rexión, este ano queremos seguir concienciando sobre a importancia da reciclaxe en Galicia. Por iso estamos moi felices de pór en marcha "Circula a túa lata" nas praias pontevedresas e de contar co apoio do Concello de Sanxenxo nesta a campaña", asegurou o director de Cada Lata Conta en España, Pablo García. "O noso obxectivo é sensibilizar ás persoas sobre a importancia da reciclaxe para fomentar a economía circular e coidar do medioambiente", incidiu García.

Os bañistas atoparanse nos areais coa #ResistenciaCircular: varios equipos de educadores ambientais que portarán unha mochila amarela para colleitar todas as latas de bebidas co fin de reciclalas e darlles unha nova vida. As latas son 100% reciclables e un xesto tan sinxelo como depositalas no colector amarelo, axuda a que aforremos materiais e reduzamos un 70% o consumo de auga e un 95% o consumo de enerxía, en comparación a fabricar unha lata de novas materias primas.

0
0
0
s2sdefault