Concello de Sanxenxo - O CONCELLO IMPULSA A CONTRATACIÓN DE 4 PROXECTOS DE HUMANIZACIÓN EN NANTES, PORTONOVO E SANXENXO POR 1, 7 MILLÓNS DE EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
Nos próximos meses darán comezo no municipio catro importantes obras de humanización: Dúas en Portonovo, unha en Contumil-Vinquiño (Nantes) e unha en Sanxenxo. O proceso de licitación das catro actuacións ascende a 1,7 millóns de euros e suporán unha total transformación dos espazos.
 
A urbanización e reforma da praza en Méndez Núñez en Portonovo é a obra cuxa fase de licitación está máis avanzada. A actuación que xa conta cunha proposta de adxudicación a Castro Figueira por un importe de 112.849 euros será financiada polo Plan Hurbe da Xunta de Galicia e o Concello, ao 70% e 30%, respectivamente. Para a praza de case 500 metros cadrados de superficie e xerada polo cruzamento de tres viarios, o proxecto, que ten un prazo de execución estimado de cinco meses, expón catro plataformas totalmente horizontais que conectarán de forma directa a Rúa Mariña coas vivendas e locais de restauración situados neste espazo. A actuación eliminará o tráfico rodado da rúa Méndez Núñez, só no tramo que coincide coa praza, para conectar de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes. 
 
Outro proxecto en tramitación previsto en Portonovo é a humanización da contorna do colexio e do mercado de abastos que ten como obxectivo potenciar as zonas peonís e mellorar a seguridade viaria. A obra que acaba de saír a licitación, por 833.633 euros e un prazo de execución de seis meses, contempla a renovación da práctica totalidade da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga na zona, así como a substitución de toda a rede de iluminación pública, coa instalación de 67 novos farois ou báculos. Neste sentido, a ampliación e mellora das beirarrúas executarase separando o espazo de iluminación e os sinais de circuítos de tránsito.
 
En Contumil- Vinquiño, en Nantes, proxéctase unha senda peonil de formigón coloreado de dous metros de ancho, unha área de descanso, dotación de iluminación pública, a pavimentación do viario e unha mellora da rede de saneamento. Os traballos valorados en 506.939,81 euros, serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación e con fondos propios municipais.
 
Na vila de Sanxenxo, o Concello acaba de licitar o proxecto para humanizar a Rúa Unión e os viarios adxacentes, situados na parte traseira do consistorio municipal, valorado en 287.277 euros que servirán para mellorar a accesibilidade e a imaxe dunha contorna actualmente en mal estado. Unha actuación que estará financiada a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O obxectivo deste proxecto é mellorar toda a contorna, a base de pavimentos de pedra, dotación de servizos, nova iluminación e introducir zonas de axardinamento para converter este espazo nunha zona atractiva e recuperable para a vida urbana.
 
0
0
0
s2sdefault