Concello de Sanxenxo - UN INFORME DO AREEIRO ADVIRTE DO ESTADO “PRECARIO” DO ABETO BRANCO DO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As probas positivas de resistencia da madeira do tronco recomendan un novo tratamento “in extremis”.


O estado do abeto branco que preside a entrada ao Pazo de Quintáns preocupa desde hai meses. Tras o tratamento aplicado a finais do ano pasado para acabar cun agresivo fungo que presentaba nas raíces, a Concellería de Medio Ambiente volveu solicitar un informe á Estación Fitopatolóxica do Areeiro para coñecer a situación actual do exemplar e se procedía, algún outro tipo de tratamento que permita recuperar unha árbore que podería optar á súa inclusión no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

A técnica da Estación Fitopatolóxica do Areeiro advirte dunha "sensible degradación da madeira na parte alta do tronco, con buracos e áreas máis ou menos grandes con falta de madeira", respecto ao informe realizado en 2019. De feito, incide en que "a situación da árbore é precaria e, de non ser pola súa estraña e peculiar arquitectura, e polo lugar onde medra a recomendación de actuación sería proceder xa a súa retirada".

Con todo, as probas de resistencia da madeira do tronco resultaron positivas e nas mostras tomadas do chan xa non se detectaron patóxenos que propiciaron o tratamento inicial. Así, co obxectivo de esgotar todas as posibilidades de recuperación do exemplar, o Concello acometerá "in extremis" as recomendacións incluídas no informe que son:

-Biselar e sanear os cortes horizontais e as zonas de madeira máis degradada (aplicando unha pasta fungicida).
-Cauterizar con calor as zonas de madeira máis degradada
-Podar algunhas ramas

Tras esta actuación, se a árbore non logra recuperarse, o informe recomenda eliminar a totalidade da copa para evitar danos pola caída de ramas secas.

0
0
0
s2sdefault