O cantareiro Nelson Quinteiro e o pianista Brais González ofrecen un concerto moi especial como clausura da Festa da Raia de Portonovo 2019 con un piano de cola instalado diante da lonxa de Portonovo e un formato con moito de escénico para presentar os temas que formarán parte do seu novo disco
"Músicas de Domingo" como inicio da súa campaña de lanzamento.
A Festa da Raia de Portonovo 2019 botará o pano coa presentación oficial e posta de longo do disco "Músicas de Domingo" da man do cantareiro Nelson Quinteiro e o pianista Brais González nun formato con moito de escénico no que non faltará un piano de cola na propia lonxa, arte ao vivo, artistas convidados ou os cantos mariñeiros co Colectivo Mais Cantos.
Tras varios meses gravando nos estudios da Fundación SGAE en Santiago de Compostela e armando un disco con unha proposta que se aveciña evocadora e sorprendente, o cantareiro Nelson Quinteiro e o pianisa Brais González (alma máter da banda Caspervek especializada en musicalizar cinema mudo) prepáranse para unha posta de longo moi especial clausurando a Festa da Raia de Portonovo.
Será o vindeiro domingo, 5 de maio, dende as 19:00 h nun escenario instalado diante da lonxa de Portonovo e para a que contarán co atractivo dun piano de cola Yamaha C5 e as participacións do percusionista Blas Casañer, o acordeonista David Álvarez Caneda, a pintura ao vivo da artista Alba F. Troiteiro e máis e medio centenar de gorxas dos Colectivos Mais Cantos de Marín, Pontevedra e Lourido (Poio).
Un piano en plena rúa!
CONTAREMOS CON UN YAMAHA C5 INSTALADO DIANTE DA LONXA DE PORTONOVO!
Un dos atractivos fundamentais desta proposta reside na instalación dun grande piano de cola nun espazo non convencional, imprescindible para dar conta de toda a riquza de matices, colores e volumes da proposta musical que o pianista e compositor Brais González ten artellado para as músicas de raíz, cancións de autor e músicas do mundo propostas polo cantareiro Nelson Quinteiro.
Arte en directo!
PINTURA AO VIVO E PERFORMANCE CON HULA HOOP PARA ARROUPAR OS NOSOS SONS
Contaremos coa participación da artista plástica Alba F. Troiteiro de cara á construcción dun lenzo xigante en directo que irá conformando un telón de fondo para a presentación das "Músicas de Domingo". Ademais contaremos co seu particular arte no dominio do hula hoop para dar movemento ao fado "Pombra Branca", un dos temas capitais do disco levado á esfera do tango.
Máis Cantos!
O CONCERTO CONTARÁ COA PARTICIPACIÓN DE MAIS DE 50 GORXAS DO COLECTIVO MAIS CANTOS E UNHA FESTA DE FECHE DENTRO DA LONXA
Fletaremos un autobús con paradas en Marín, Pontevedra e Lourido (Poio) para convidar aos máis de 50 gorxas dos Colectivos Máis Cantos para arroupar momentos especiais do disco, como o "Alalá de Herbón" ou "Nun Bou". Además a festa continuará dentro da lonxa, cunha festa popular na que repasaremos os temas máis populares do noso repertorio mariñeiro ou estrearemos a peza "Cantiga de Portonovo" cun arranxo especial sobre a letra de Leopoldo González Agís e música de Manuel Muñiz.