Concello de Sanxenxo - Charla sobre compostaxe no Centro de Interpretación A Telleira
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

News

 

O Concello de Sanxenxo comezará a formación no programa de compostaxe individual. Para tal efecto realizará dúas charlas sobre compostaxe, a primeira o martes 18 de xuño ás 20:00 horas no Centro de Interpretación da Telleira, e a segunda o martes 25 de xuño ás 20:00 horas no Centro Cultural Municipal de Dorrón. Estas charlas están destinadas principalmente as persoas participantes no programa de compostaxe individual do Concello, e tamén estarán abertas ao público xeral interesado na compostaxe.

O contido das charlas formativas consistirá sobre o proceso da compostaxe, que materiais se poden botar no composteiro e cales non, a montaxe e manexo dos composteiros individuais, e os beneficios da compostaxe. Ao remate das charlas farase o reparto de composteiros entre as persoas que fixeron a solicitude previamente na Oficina de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo.

Os composteiros que repartirá o Concello de Sanxenxo foron cedidos polo Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra. Os 64 beneficiarios recibirán dúas visitas durante o primeiro ano para comprobar o correcto funcionamento dos composterios.

Cada persoa xera unha media de 433 gramos de biorresiduos ao día. Coa instalación dun composteiro individual cada vivenda de Sanxenxo pode tratar uns 600 kg ao ano, para transformalos nun abono de excelente calidade. Grazas aos 64 composteiros individuais que se repartirán nesta quenda evitárase que se boten no lixo 38 toneladas de biorresiduos cada ano. Ademais, un 80% dos veciños participantes contan con restos de poda na súa horta, que utilizarán como material estructurante, evitando queimas innecesarias. Outra das vantaxes é que ao tratar correctamente os biorresiduos, facilitase unha boa separación dos demais residuos reciclables.

O Concello de Sanxenxo continuará impulsando a compostaxe individual e as veciñas e veciños poden solicitar composteiros para vindeiros repartos.

O Concello solicitou unha axuda ao Ministerio de Transición Ecolóxica para adquirir outros 200 composteiros dentro dos Plans de Impulso ao Medio Ambiente (PIMA).

Máis información sobre compostaxe e solicitudes de composteiros na Oficina de Medio Ambiente, chamando ao 986.74.49.09 ou no correo electrónico This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it.

 

0
0
0
s2sdefault