O venres tivo lugar nas escolas infantís municipais de O Tombo e O Revel do Concello de Sanxenxo a festa de graduación coa que celebramos o remate do primeiro ciclo de educación infantil para os nenos e nenas que se atopan nas aulas de 2-3 anos.
Na escola o Tombo finalizan este primeiro ciclo 22 alumnos e alumnas e no Revel un total de 34 repartidos en dúas aulas.
A finalidade desta etapa educativa, que comprende entre os 0 e os 3 anos, é favorecer o desenvolvemento físico, intelectual, social, afectivo e persoal dos nenos e nenas e compensar as desigualdades que por diversas razóns poideran existir.
Durante esta etapa nas nosas escolas realizamos diferentes actividades educativas co obxecto de que o o noso alumnado poidese desenvolver capacidades que lles permitiran coñecerse a si mesmos e aos demais, aprendendo a respectar as diferenzas, observar e explorar a súa contorna, adquirir autonomía nas súas actividades habituais, e desenvolver as súas capacidades afectivas, entre outras.
Todo o persoal das escolas estamos moi agradecidos por ter compartido cos nosos nenos e nenas estos primeiros anos da súa vida e ter contribuido ao seu desenvolvemento.
Queremos agradecer aos seus pais e nais (e demáis familiares) a colaboración e confianza depositada en nós dende o día que nolos entregastes (moitos co chupete, cueiro e babeiro) ata o día de hoxe no que se atopan ás portas de entrar nunha nova etapa persoal e escolar da súa vida.
De parte de todo o persoal das escolas infantís municipais de Sanxenxo: "botarémosvos de menos, ata sempre e unha gran aperta".