O Concello de Sanxenxo saca a licitación a compra dun punto limpo móbil para a recollida de residuos urbanos que non se recollen de maneira convencional nos núcleos do rural.
Sanxenxo ten implantado en todo o municipio un sistema de recollida de residuos, o cal consiste na recollida de fracción resto, envases de vidro, envases lixeiros, papel e cartón.
Para a xestión de outros residuos especiais de competencia municipal que non teñen sistemas comúns de recollida, pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan un transporte especial de forma separada, debido ás súas características o concello, dispón do punto limpo na parroquia de Padriñán, e dun sistema de recollida de voluminosos, previa comunicación telefónica.
Para mellorar este servizo o concello solicitou unha axuda á Consellería de Medio Ambiente para a implantación de puntos limpos móbiles, no rural do termo municipal. Esta axuda será cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O presuposto de licitación é de 36.360€
Este punto limpo móbil, consiste nun colector de superficie de grandes dimensións, bicompartimentado e compactado, que posúe unha estrutura anexa para a xestión de residuos de pequeno volume, o cal será transportado por un campión ata os puntos acordados e posterior traslado ao punto limpo para o baldeirado dos residuos.