O colectivo achegará a súa actividade á feira este sábado ás 19 horas no Recinto Feiral de Pontevedra
Sanxenxo apostará este ano por unha actividade diferente e moi vinculada ás raíces galegas co “Roteiro coa Compaña. Crenzas e medos” da Asociación Cultural Andarela. Será ás 19 horas no stand central da feira onde as persoas interesadas poderán achegarse para coñecer os rituais e tradicións que inspiran ao colectivo a realizar roteiros tódolos meses de novembro en distintos puntos do municipio coincidindo co Día de Defuntos.
Cando baixa o sol e as noites son máis longas as integrantes do colectivo Andarela marchan de roteiro vestidas de blanco, con candís e maquillaxe mortuorio, mulando a Santa Compaña. As “almiñas”, guiadas pola Estadea, visitan diferentes lugares das parroquias de Sanxenxo. Coidado quen se atope coa Compaña! Para que a Compaña non a leve de rolda con ela, terase que meter nun círculo de protección que debuxa no chan ou pronunciar as verbas: Aquí hai pan cocido.... Se a compaña non quere ese almiña para sempre, devolveraa viva, cansa, moi cansa, despois de botar toda a noite de rolda. A actividade remata, un par de horas despois, ao son das pandeiretas e gaitas, desfrutando dun petisco, unha queimada e uns bailes.
A Asociación Cultural Andarela, formadas por mulleres activas e comprometIdas socialmente, leva máis de dez anos organizando roteiros culturais no territorio para dar a coñecer o patrimonio que nos rodea, dende a arqueoloxía dos castros e mámoas, á historia económica dos lugares nos que vivimos hoxe, pasando pola toponimia, e as expresións artísticas como o canto e o baile... “Tentamos de poñer en valor a nosa cultura e as nosas tradicións para que non se perdan e permanezan xeración tras xeración. É certo que cos roteiros da Compaña metémoslle o medo no corpo a máis dun, pero é unha actividade totalmente lúdica e que ten unha gran aceptación e participación”, aseguran dende a Asociación Cultural Andarela.