O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a aprobación da información pública desta actuación no municipio de Sanxenxo para intervir en 2 km da vía autonómica e eliminar un treito de concentración de accidentes
- A actuación centrase na renovación de cinco interseccións no treito da PO-504 que transcorre entre o lugar do Vinquiño e o inicio da parroquia de San Tomé de Gondar, coa construción dunha glorieta no cruce co Camiño ao Santo
- Como resultado das achegas recibidas no proceso de información pública eliminase a actuación proposta inicialmente dunha nova glorieta no punto quilométrico 2+270
- Habilitaranse cuñas de cambio de velocidade nas interseccións con outros viarios e incluiranse melloras nos pasos de peóns e nas paradas de autobús
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo de mellora da seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-504 entre Sanxenxo e Vilalonga, que suporá un investimento da Xunta de 970.000 euros.
Trátase de reforzar a seguridade viaria ao longo de 2 quilómetros da vía autonómica PO-504 co fin de eliminar un treito de concentración de accidentes.
O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3uxLEgd .
A intervención deseñada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez, prevé a renovación de cinco interseccións na PO-504, entre os puntos quilométricos 0+940, no lugar do Vinquiño, e o 3+000, ao inicio da parroquia de San Tomé de Gondar.
Entre as principais intervencións a executar inclúese a construción dunha glorieta na intersección co Camiño ao Santo, que ademais de ordenar os propios movementos das vías coas que entronca, permitirá o cambio de sentido dos vehículos.
Como resultado das achegas recibidas durante o proceso de información pública, acordouse eliminar a actuación proposta inicialmente dunha nova glorieta no punto quilométrico 2+270.
A actuación prevé a execución de novas beirarrúas nos treitos de mellora das interseccións, a adecuación da drenaxe existente ao novo deseño e a reposición dos servizos e sumidoiros afectados. Tamén se mellorarán as paradas de autobús e redeseñarase a sinalización horizontal e vertical de todo o treito.
Mapa de situación:
Ámbito da actuación:
Gabinete de Comunicación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade