Concello de Sanxenxo - A BIBLIOTECA DE PORTONOVO ACOLLE A PRESENTACIÓN DO LIBRO “AS GOTAS DE MERCURIO” DE EXIDIO CUÍÑAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

News

A Biblioteca de Portonovo acolle a presentación da nova novela de Exidio Cuíñas, “As gotas de mercurio”,  este xoves ás 19:30 horas.  O autor, que escolleu a vila mariñeira de Portonovo pola longa traxectoria marítima deste porto do Salnés, estará acompañado polo editor e historiador, Antón Mascato.

Exidio Cuíñas é economista e conta cun máster en desenvolvemento local. Participa en diferentes proxectos relacionados co turismo mariñeiro do Salnés; sendo unha das figuras máis salientables das que traballan arredor do patrimonio marítimo cultural. A súa primeira incursión na literatura levouno a publicar a novela “Salgadoiro de queixo e mozzarela”, no ano 2009, mantendo dende aquela o blog “boudevara” e escribindo diferentes poemarios aínda inéditos.

“As gotas de mercurio” é unha novela longa de máis de setecentas páxinas na que se desenvolve unha viaxe cara ningures. Comeza co afundimento do “Santa Isabel” no arquipélago de Sálvora e continúa coa fuxida que emprenden uns homes a bordo dun pesqueiro, o “Novo Endem”, e que cincuenta anos despois devolve ao neto dun deles, Demetrios, á terra do seu avó, Abel. A través desta traxedia mariña e da viaxe por mar se asiste a unha ficción trufada de realidade, na que a personaxe participa na  resistencia francesa á invasión nazi, na da loita de liberación arxelina e entregarase á militacia antifascista na Grecia dos coroneis.

A novela desenvolve unha trama de misterio, valentía e coraxe cívico, co pano de fondo dos diferentes mares europeos, que percorre os principais acontecementos históricos do século XX, dende a guerra de España, a mundial, e a de liberación da Arxelia colonizada por Francia, ata a construción do Transahariano, ou conflitos bélicos  e políticos en Grecia e Turquía.  Unha novela que remata por ser unha maxistral lección de historia e un alegato a favor da vida.  O acto ten entrada libre ata completar o aforo, atendéndose ás medidas Covid en vixencia.

0
0
0
s2sdefault