A actividade está destinada ao alumnado de 5º e6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos
A Concellería de Educación porá en marcha un curso de técnicas de estudo adaptadas aos niveis de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos. No curso que se desenvolverá no edificio de usos múltiples de Portonovo traballarase a motivación, a autoestima, a organización e planificación, lectura comprensiva, expresión escrita e oral, creatividade, relaxación, habilidades sociais, aprendizaxe significativa e traballo individual e grupal.
O horario da actividade será para Educación Primaria a elixir entre os luns ou xoves ás 16:30 ou ás 17:30 horas e para Educación Secundaria, os venres de 18:30 a 19:30. O prazo de inscrición conclúe o venres 11 de marzo. A solicitude deberá facerse no modelo normalizado e presentala de maneira presencial no rexistro do O.A. Terra de Sanxenxo ou por sede electrónica: terradesanxenxo.sedelectronica.gal
O lugar de realización do curso será nos Usos Múltiples de Portonovo, pero no caso do alumnado de Educación Primaria tamén se poderá levar a cabo nos centros educativos onde o alumno estea matriculado sempre que haxa un número mínimo de 8 inscricións.
A taxa de inscrición é de 20 euros, pero estarán exentas de pago da cota as familias numerosas de categoría especial e farase un desconto do 50% ás familias numerosas de categoría xeral.