A escasa participación obrigou a modificar a proposta inicial
Sanxenxo porá o broche de ouro ao Entroido cunha gran festa de disfraces na Praza dos Barcos. A escasa participación obrigou a reconverter o concurso de parodias previsto para este domingo, pero a Concellería de Cultura non quere renunciar a pór fin a este Entroido con animación e festa na rúa.
Desde as 17 horas e ata as 19 horas, a Praza dos Barcos converterase nunha pista de baile onde non faltará a música nin tampouco os talleres infantís ou postos de doces. O Concello anima á participación e a que se goce do último día de Entroido na rúa, lugar que foi escenario das actividades deste Entroido en Sanxenxo.
Desde a Concellería de Cultura xa traballan na próxima edición na que se retomará o Desfile de Entroido xa que se espera que a situación sanitaria estea xa completamente normalizada.
Ao longo desta semana, a programación de Entroido levou a distintos puntos os Entroidiños, o Luns Choqueiro ou o Enterro da Sardiña, e mañá terá lugar a Festa do Jato en Portonovo.