Ofrecerase formación co obxectivo de transformar en actividade laboral regulada o coidado de menores
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) activa o Plan Corresponsables para favorecer a conciliación de familias con menores dende un enfoque de igualdade entre mulleres e homes.
O Plan Corresponsables Femupo xorde baixo un convenio de colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. O obxectivo é desenvolver un dos principais eixes do Plan Nacional de Corresponsables que consiste transformar o coidado de menores en actividade laboral regulada e facilitar a conciliación familiar e laboral.
“Para Femupo supón un gran impulso como federación xa que nos converte na agrupación social e feminista referente do Plan Corresponsables na provincia de Pontevedra,” declara Raquel Touriño, presidenta de Femupo. “Isto vainos facilitar medios para levar a cabo multitude de accións por toda a provincia e así expandir a nosa filosofía de traballo co obxectivo de acadar a igualdade das mulleres.”
Un dos principais eixos do Plan Corresponsables Femupo é a formación gratuíta para que mulleres poida acceder ao Certificado de profesionalidade no coidado de menores de ata 16 anos. O Plan contempla ademais a creación dun censo laboral que se porá a disposición de empresas e administracións que busquen persoas dispostas a traballar no coidado de menores.
Con esta iniciativa, búscase favorecer que mulleres poidan acceder a empregos de calidade nos seus lugares de residencia ou exercer profesionalmente unha actividade que viñan desempeñando de maneira non formal.
“Temos que ser conscientes de que hoxe en día conciliar o traballo cos coidados familiares supón facer malabares. Hai que investir e educar para facer real a corresponsabilidade de maneira que os coidados se compartan e deixen de ser cargas na vida familiar,” comenta Touriño.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse no apartado ‘Súmate’ da páxina web do Plan Corresponsables Femupo https://femupocorresponsable.wixsite.com/femupo