O colectivo cultural ultima a cita tras o éxito obtido no I Concurso de Música Tradicional Retranqueiros no que conseguiron cinco premios
A Asociación Cultural Soalleira celebrará o vindeiro domingo o V Concurso de Música Tradicional no Pazo de Emilia Pardo Bazán. Unha cita organizada polo Concello de Sanxenxo e o colectivo cultural que acollerá as actuacións de 40 grupos das catro provincias galegas en sesión de mañá e de tarde. Os participantes contarán, como en edicións anteriores, cunha zona de estancia exterior, baixo unha carpa, dende onde poderán seguir o certame por streaming.
O concurso repartirá 3.500 euros en premios. A categoría A (ata 10 anos) e a categoría B (de 11 a 13 anos) optarán a un primeiro, segundo e terceiro premio valorados en 300, 200 e 100 euros, respectivamente, mentres que a categoría C, na que poderán participar aquelas agrupacións con idades entre os 14 e os 17 anos, repartirá 400 euros para o primeiro premio, 200 para o segundo e 100 euros para o terceiro. Pola súa banda, a categoría D (maiores de 18 anos), terá un primeiro premio de 800 euros, un segundo de 400 e un terceiro de 200 euros. Tamén haberá dous accésits de vestiario valorados en 100 euros.
A celebración deste certame chega precedido polo éxito acadado a pasada fin de semana pola Asociación Cultural Soalleira no I Concurso de Música Tradicional Retranqueiros que tivo lugar en Bertamiráns (Ames) no que participaron con catro grupos e acadaron dous primeiros premios (Arghadelos e Soalleira), un terceiro premio (Xabreiro) e dous de vestiario (Arghadelos e Soalleira). O grupo Areíñas estreouse na participación de concursos e, aínda que non acadaron premio, deixaron o pavillón ben alto.
O concurso celebrarase en dúas sesións, ás 11 e ás 16 horas. A asociación cobrará unha entrada simbólica de 3 euros por cada sesión.