Concello de Sanxenxo - A PORTONOVESA SARA BEA SERÁ DISTINGUIDA COA RAIA DE OURO POLA SÚA LONGA TRAXECTORIA COMO REDEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

News

 

Con tan só nove anos xa ataba redes e é das poucas profesionais que sabe arranxar calquera tipo de aparello de artes menores ou de cerco

Sanxenxo, 20 de abril de 2024.- A portonovesa Sara Bea Martínez adicou máis de sesenta anos da súa vida a atar redes e aparellos de pesca. Unha profesión que a foi envolvendo e atrapando ata convertila en todo un referente no sector. “Empecei con nove anos, pero ao principio non me gustaba nada. A miña curmá dicíanme: Ti vas a ser atadora cando eu sexa cura”, recorda.

Polas súas mans pasaron miles de redes de barcos de Portonovo, tanto de artes menores como de cerco, que grazas a súa habilidade puideron saír ao mar. “Podo presumir de que ningún barco co que traballabamos tivo quedar en terra nunca por non ter o aparello reparado. Unha vez ata nos coincidiron cinco barcos. Traballamos duro e ao día seguinte sairon ao mar”, sinala. A súa paixón polas redes fixo que pospuxera ata os 70 anos a xubilación e aínda que xa pasaron dous anos segue botando de menos “atar e o ambiente coas compañeiras no porto”. Cadrar un pano con outro non sempre resultaba sinxelo. “Moitas noites dáballe voltas na cama tentando cadrar as telas cando a avaría era complicada, pero ao final sempre cadraba. É como un quebracabezas”, explica.

O vindeiro día 28 será distinguida coa Raia de Ouro nunha ceremonia na que estará acompañará do seu marido, Mario, co que neste mes de xullo fará as vodas de ouro, e os seus fillos, Elena e Mario. “O meu marido sempre entendeu o meu traballo. Ás veces tiña que marcha dunha hora para outra ao País Vasco e el quedaba ao cargo dos fillos e da casa. Nunca me puxo un problema”, asegura.

En canto ao oficio, Sara explica que “antes era moito máis duro porque se ataba á intemperie. Non tiñamos nin baño e pasabamos moito frío, pero coa nave mellorou moito a situación. Recordo ata marearme polo frío que collía nas mans, pero era unha satisfacción cando arranxabas o aparello e o barco podía saír ao mar”. Agora recoñece con certa preocupación que a profesión “estase perdendo e xa hai poucas persoas que queiran ser atadoras ou redeiras. Non sei o que vai pasar cos barcos”.

0
0
0
s2sdefault