Concello de Sanxenxo - Este luns comeza a rodaxe en Sanxenxo de Así chegou a noite, terceira longametraxe do director marinense Ángel Santos.
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

News


O filme, que narra a historia de Andrea e Pablo, antigos amantes que se reencontran tras anos sen verse, rodarase en distintas localizacións dos concellos de Sanxenxo, O Grove e Meaño.
Ángel Santos, un dos representantes do novo cinema galego, conta na súa filmografía con outras dúas longas “Las altas presiones” e “Dous fragmentos / Eva”.
Esta mañá ás 13 horas presentouse no antigo cine de Vilalonga (Sanxenxo) o comezo da rodaxe da longametraxe Así chegou a noite, que será dirixida por Ángel Santos e producida por Maruxiña Films Company, produtora do tamén director Alfonso Zarauza.
Á presentación acudiron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o deputado de Medio Ambiente e Mar e concelleiro de Sanxenxo, Marcos Guisasola, a directora de Organización e Xestión do Cambio da Televisión de Galicia, Rosa María Vilas; o director de AGADIC, Jacobo Sutil; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera Ocampo; Ramón Tilve, concelleiro de Meaño así como o director do filme Ángel Santos, os actores protagonistas da película Violeta Gil, Denis Gómez e Miquel Insua, o productor Alfonso Zarauza e a produtora executiva Analía G. Alonso.
Así chegou a noite rodarase durante o mes de maio e a primeira semana de xuño en diferentes localizacións entre os concellos de Sanxenxo, O Grove e Meaño. O filme contará a historia de Pablo (Denis Gómez), un escultor que establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega e que pouco a pouco irá illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familia e de Andrea (Violeta Gil), unha antiga amante de Pablo, que provocará a reflexión do escultor sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida.

Así chegou a noite, tras Así vendrá la noche
Así chegou a noite é unha longametraxe de ficción, escrita por Ángel Santos e Pablo García, que combinará diálogos en galego e castelán. Na obra, plantearase unha reflexión arredor da idea de identidade - quen somos?, quen cremos ser?, que desexamos? - , da parella e da necesidade de silencio e desconexión en tempos de ruido e virtualidade.
Trátase dunha película que aposta tanto polos movementos das personaxes na paisaxe como por ese espazo vacío que se crea entre eles; o que calan, o que poderían dicir. Unha película que xogará co concepto da ‘desaparición’.
“Que sucedería co noso relato se o que críamos protagonista da nosa historia decidira abandonala? Que sucede entón cos que quedan? Quizais sexa aí, despois de todo, onde dea comezo a verdadeira historia.” Ángel Santos
Así chegou a noite continua a historia de Así vendrá la noche , unha curta que sucede nun tempo lixeiramente anterior e onde Andrea leva todo o protagonismo mentres grava para Pablo unha longa nota de voz. Nesta nota, que en todo momento dubida se enviar ou non, conta que está de volta en España coa súa parella e que quere saber del. Desta forma, Así vendrá la noche supón un primeiro achegamento a algúns dos motivos e personaxes que integrarán o que será a longametraxe.
A curta estrenouse orixinalmente a finais do ano pasado no Festival de Xixón e pasou, entre outros, polo Festival Internacional de Cine Independiente de Cosquín e o D’A Film Festival Barcelona.
A importancia dos espazos na filmografía de Ángel Santos
As historias de Ángel nacen das paisaxes, primeiro atopa un lugar e despois a quen o vai habitar. Cando comeza un proxecto, a súa primeira intuición diríxese a retratar ese espazo, convertindo a paisaxe nun elemento con entidade propia.
En Así chegou a noite aposta pola particular paisaxe da zona protexida e de interese natural do Complexo Intermareal de Umia–O Grove, pertencente aos concellos de Sanxenxo, O Grove e Meaño; dividida entre o salvaxe e o rural e a

súa inevitable transformación durante os meses estivais coa chegada do turismo.
A cor roxa do barro e as vellas chemineas do centro de interpretación As Telleiras (Vilalonga), foi o primeiro en chamar a súa atención, sendo fundamental nesta descuberta o escultor de Dena, Pablo Barreiro, quen lle amosou este espazo onde el mesmo tivo o seu taller durante un tempo. Ao seu carón, as lagoas de Rouxique, outro dos espazos clave para retratar a historia de Andrea e Pablo. O camping de Cachadelos e a zona de San Vicente do Mar, polo encanto que ten esa sensación de soidade que dan fóra da época estival, completan o principal universo espacial de Así chegou a noite.
Enmarcado na corrente do Novo Cinema Galego e cunha clara aposta pola ficción, a filmografía de Ángel Santos (Marín,1976) conta con reputadas curtametraxes coma Septiembre (2004) ou O cazador (2008), escollido como curta do ano por Cahiers du Cinema, España. Con Las altas presiones (2014), a súa segunda longa, Ángel afianzou o seu propio oco no panorama cinematográfico independente español. Estreada mundialmente no festival de Clase A de Busan (BIFF, Corea del Sur), a película obtivo o Premio Nuevas Olas no prestixioso Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF), percorrendo a partir dese momento importantes festivais nacionais (San Sebastián, Seminci, Las Palmas, etc.) e estreándose posteriormente en salas comerciais de todo o país.
Así chegou a noite conta coa subvención da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), co financiamento do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA) e coa participación da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG).
Máis información e xestión de entrevistas: 652 49 88 38 (Zeltia)

0
0
0
s2sdefault