Concello de Sanxenxo - A CAMPAÑA DE DOAZÓN DE SANGUE “SOMOS OLÍMPICOS” CHEGA A SANXENXO PARA SUPERAR AS 657 DOAZÓNS ACADADAS NO 2023
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

News

A unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue estará durante o día de hoxe a Praza dos Barcos

Sanxenxo, 14 de agosto de 2024.- A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín González, visitaron esta maña a unidade mobil da Axencia que está desenvolvendo a campaña especial “Somos Olímpicos” neste concello. Tanto a directora da ADOS como o alcalde de Sanxenxo, quixeron convidar a todos os veciños e veciñas a participar nesta iniciativa que está a desenvolverse en distintos puntos da xeografía galega nos meses de verán co obxectivo de acadar doazóns de sangue no período vacacional.

A unidade móbil de ADOS estará estacionada, ao longo da presente xornada, na Praza dos Barcos de Sanxenxo, das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas para atender a todas as persoas que desexen participar. Ademais, ao carón da unidade móbil disporase unha montaxe alusiva aos Xogos Olímpicos e todos os doantes recibirán, como agasallo, unha camiseta co lema da campaña.

Ademáis, tamén está previsto que o vindeiro mércores 21 de agosto, unha unidade móbil desenvolva unha nova xornada da campaña “Somos Olímpicos” en Portonovo. Para isto, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada nas inmediacións da Praza de Abastos das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas.

Estas iniciativas desenvolveranse en máis de vinte concellos galegos e forma parte da campaña especial de doazón de sangue nos meses de verán, un período especialmente sensible, xa que os meses estivais presentan dificultades engadidas para manter estable o volume de doazóns de sangue necesarias para o mantemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos. ADOS lembra que, todos os días, son precisas entre 400 e 500 doazóns de sangue e, nos meses de verán, debido á deslocalización dos doantes habituais por mor das vacacións, é preciso reforzar o permanente chamamento á solidariedade que a Axencia traslada á cidadanía.

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue salienta que, no pasado ano 2023, Sanxenxo obtivo un total de 657 doazóns de sangue, o que supuxo unha taxa de 37 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, polo que quere trasladar a todos os veciños e veciñas deste concello o seu recoñecemento polo seu altruísmo e solidariedade. Así mesmo, desde ADOS salientase que o obxectivo para este municipio pontevedrés pasa por incrementar a participación da veciñanza, para achegarse á taxa de 40-60 doazóns de sangue por cada 1.000 habitantes e ano que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Así mesmo, a directora da Axencia quixo salientar a especial implicación da corporación municipal polo seu decidido e constante apoio ás iniciativas destinadas a promover a doazón de sangue, tanto nesta campaña especial “Somos Olímpicos”, como no resto de visitas das unidades móbiles de ADOS desenvolvidas en Sanxenxo durante todo o ano.

0
0
0
s2sdefault