O concello de Sanxenxo e SalnésCampus, o laboratorio tecnolóxico aberto formado por mestres, enxeñeiros e profesionais, organizan uns obradoiros para divertirse aprendendo coa robótica durante o Nadal.
Como non podía ser doutro xeito nestas datas, os obradoiros terán como temática principal o Nadal e desenvolveranse en dúas quendas diferenciadas pola idade dos participantes e mailos robots empregados.
Cada Obradoiro terá un máximo de 12 prazas, e un prezo por neno de 15€.
O prazo de inscrición comeza o día 18 e poderán formalizarse no Pazo Emilia Pardo Bazán.
NADAL ROBÓTICO: A primeira quenda será para os máis maiores. 12 rapaces de ESO e Bacharelato, que durante os días 27, 28 e 29 de Decembro de 10:30 a 13:30, traballarán con robots Makeblock Ranger.
Terán como misión programar unha tarxeta de felicitación de Nadal interactiva, programar ós axudantes robóticos de Papá Noel responsables de clasificalos agasallos de Nadal e aprender a empregalos sensores do robot para facer un simulador da baixada de Papá Noel polas chemineas.
BELÉN ROBÓTICO: Xa en Xaneiro de 2018, os días 2, 3 e 4, cun horario de 10:30 a 13:30, 12 cativos de 1º e 6º de primaria poderán aprender cos robots Makeblock mBot.
Terán o obxectivo de publicar unha felicitación animada de Nadal e programar un belén robótico, e unha competición de velocidade entre os camelos robóticos dos Reis Magos, asegurarse que a Estrela chegue ó portal de Belén e programar ós pastores robóticos para que canten panxoliñas.
É importante subliñar que, ademais do aspecto lúdico, a Concellería de Cultura de Sanxenxo, está na procura de actividades que tamén ensinen e reforcen coñecementos sobre novas tecnoloxías en nenos e mozos. Todo grazas ó material informático adquirido a través da subvención de Equipamentos e mellora de instalacións utilizadas para realización de actividades culturais da Consellería de Cultura, Educación e ordenación Universitaria.
Aquí é onde a robótica educativa amosa todo o seu potencial, xa que empregando o traballo colaborativo, motivación por retos e metodoloxía STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) os participantes asimilan novos conceptos ou asentan os xa adquiridos nunhas xornadas distendidas e divertidas.
O Concello de Sanxenxo agradece a disposición de SalnésCampus. O laboratorio tecnolóxico aberto formado por mestres, enxeñeiros e profesionais .
Concello e SalnésCampus agardan que se cubran tódalas prazas e que os asistentes desfruten aprendendo coa robótica.