Concello de Sanxenxo - CONCELLO DE SANXENXO E DEPUTACIÓN SENTAN AS BASES DA MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NAS ESTRADAS PORTONOVO-A VICHONA E NOALLA-A LANZADA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 Os proxectos están valorados en máis de 1,3 millóns de euros que serán financiados nun 70% pola Deputación e nun 30% polo Concello de Sanxenxo

 En canto o concello tramite cesións de terreos, asinarase o convenio da EP 9212 entre Noalla e a Praia da Lanzada e redactarase o proxecto para a EP-9206 Portonovo-A Vichona

 

O goberno de Carmela Silva e o concello de Sanxenxo ultiman as conversas para poñer en marcha a mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP 9212 entre Noalla e a Praia da Lanzada e na EP 9206 entre Portonovo e Vichona e Rúa do Río. Ambas actuacións, das que falaron hoxe o deputado de Infraestruturas Gregorio Agís e o alcalde Sanxenxo, Telmo Martín nunha reunión en Pontevedra, teñen por finalidade acadar a seguridade viaria mediante a posta en marcha de plataformas únicas e sendas peonís e están valoradas en máis de 1,3 millóns de euros que serán financiados nun 70% pola Deputación e nun 30% polo concello de Sanxenxo, en canto o goberno municipal tramite cesións de terreos en ambas vías provinciais.

A Deputación de Pontevedra xa ten redactado o proxecto para a actuación na EP 9212 entre Noalla e a Praia da Lanzada, dende o punto quilométrico 0+000 ata o 1+224, que está valorado en preto de 760.000 €. Neste caso acometeríase unha senda peonil de ata 3 metros de ancho paralela ao actual trazado da estrada provincial en plataforma única, salvo algunhas zonas onde vai ser necesario facer plataformas de convivencia debido ao escaso ancho da estrada. Tamén se prevé a construción de pasos de peóns sobre elevados, concretamente entre os puntos quilométricos 0+440 e o 1+224. No caso desta estrada provincial, a Deputación de Pontevedra está pendente de que o concello peche a cesión de terreos coa Igrexa para asinar así o convenio e comezar a licitar a actuación.

Pola súa banda, na EP 9206 entre Portonovo e A Vichona tamén levaríase a cabo un proxecto de mellora da seguridade viaria que ten como finalidade acadar a seguranza de peóns nun tramo que non dispón de continuidade para o tránsito peonil. Neste caso, o deputado remitiu ao alcalde a memoria e proposta de actuación, valorada en 550.000 euros e que contempla dúas accións: na Rúa o Río e na EP-9206. Na rúa O Río vaise establecer unha plataforma única, dende a intersección coa estrada da Lanzada ata a Rúa Barbeito, e rexenerar o firme, executar beirarrúas a nivel e instalar pasos de peóns, ata a intersección coa EP 9206. Por outra banda, na EP-9206 ata a intersección coa Rúa Pombal vanse executar beirarrúas elevadas dun mínimo de 2,5 metros de ancho, así como pasos de peóns e rexenerar o firme cunha nova capa de rodadura.  No caso desta estrada, a Deputación de Pontevedra está pendente tamén do Concello que ten que encargarse da cesión de terreos para asinar o convenio e poder así iniciar a licitación das melloras.

 

0
0
0
s2sdefault