Concello de Sanxenxo - SANXENXO RINDE HOMENAXE A RICARDO CARVALHO CALERO CON MOTIVO DAS LETRAS GALEGAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

Sanxenxo rendirá homenaxe a Ricardo Carvalho Calero ao longo de toda a fin de semana con motivo das Letras Galegas. A Concellería de Cultura ten prevista unha programación na que se pensa en todas as idades e públicos e que arranca hoxe cos máis cativos. O Equipo de Animación Sociocultural e a Biblioteca de Sanxenxo teñen elaborado un vídeo co contacontos “As pitas baixo a choiva” que se colgará dende mañán no perfil de Facebook do Concello de Sanxenxo.

O sábado está previsto que se dean a coñecer as expresións e refráns en galego achegados por veciños e colectivos culturais. Un total de 166 propostas que se poderán disfrutar nas redes sociais municipais través de vídeos. “Estamos moi satisfeitos coa implicación dos veciños nunha iniciativa que demostra a riqueza da nosa lingua e das nosas tradicións”, apunta a concelleira, Paz Lago.

O domingo 17, día propio das Letras Galegas, continuarase coa emisión dos vídeos das frases e expresións populares na nosa lingua nas redes municipais.
E xa pola tarde, a partir das 19 horas, emitirase por streaming no Facebook do Concello de Sanxenxo un especial onde se falará sobre a figura de Ricardo Carvalho Calero. O acto, promovido polo grupo musical local Onte e Hoxe e que conta coa colaboración da Real Academia Galega, estará presentado pola periodista Lucía Rodríguez, e contará coa intervención de Carlos Yus, profesor de galego na EOI de Pontevedra e membro de Migallas Teatro e Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia Galega. Tamén participará a estudante de Filoloxía Galega, Mariña Area, que recitará poemas do homenaxeado.
O programa que contará cunha actuación musical de Onte e Hoxe e tamén será retransmitido pola canle de Youtube do grupo.

0
0
0
s2sdefault