Concello de Sanxenxo - MANIFESTO INSTITUCIONAL DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

O 8 de marzo foi declarado como o   Día Internacional da Muller polas Nacións Unidas no ano 1975, como unha data destacada no calendario internacional para conmemorar a loita pola igualdade de oportunidades na sociedade , lembrando e tendo presente a todas aquelas mulleres que, co seu exemplo, foron cambiando a historia e o futuro.

Este día que conmemoramos é un bo momento para reflexionar sobre os logros acadados nos últimos anos en materia de igualdade e sobre todo para planificar os retos pendentes para erradicar todas as formas de discriminación das mulleres e nenas que persisten na sociedade actual.

Para acadar ese obxectivo é fundamental ter presentes os retos que se aveciñan, reflexionando sobre problemáticas como a violencia contra as mulleres, as dificultades de acceso ao liderado e ao espazo público en xeral, así como a conciliación son problemas persistentes que, ano tras ano, o movemento feminista sitúa como prioritarios no centro do debate público.

Ademais do anterior, unha problemática engadida foi a complicada situación mundial xerada pola pandemia e a emerxencia sanitaria pola Covid 19, onde, unha vez mais, as mulleres foron dobremente perxudicadas, ao evidenciarse unha vez mais a feminización da pobreza, así como a maior exposición das mulleres ao risco polo seu papel de coidadoras, a súa maior vulnerabilidade ante situacións de violencia de xénero e malos tratos á infancia e os crecentes problemas relacionados coa conciliación e falta de corresponsabilidade.

Incorporar a perspectiva da muller e do xénero en todos os ámbitos e contextos é unha obriga legal pero sobre todo é unha obriga moral e ética.

A realidade demostra que as reformas legais non son suficientes para obter os resultados desexados, xa que as prioridades políticas, así como os patróns de desenvolvemento social e económico impediron aplicacións eficaces, e ante esta perspectiva, é preciso unha maior implicación de todas as entidades locais, Concellos e toda a cidadanía, no compromiso coa igualdade real de oportunidades entre homes e mulleres, demostrando a vontade de cooperación a nivel global.

Unha Democracia real non se pode construír sen mulleres, é ineludible adoptar todas as medidas necesarias a todos os niveis, local, autonómico, estatal, europeo... para lograr unha participación igualitaria de mulleres e homes nos procesos de construción e toma de decisións e por iso debe ocupar un lugar central na axenda política e integrarse na lexislación pertinente, tomando medidas concretas para promover a igualdade.

Porque a igualdade de xénero non é cousa dun día, nin dun mes, ten que ser un compromiso ineludible de toda a cidadanía no seu conxunto,  e porque o 8 de marzo hai que consolidar o conseguido para seguir camiñando por camiños de igualdade entre todas as persoas.

E así, en conxunto e unión contribuiremos a un mundo libre de violencia, emprendedor e solidario, e unha sociedade produtiva, colaborativa, corresponsable, conciliadora e xusta, en definitiva, unha sociedade igualitaria en liberdade.

0
0
0
s2sdefault