- A contía destinada aos Programas poboacionais de cribado pasará dos 1,5 aos 2,6 millóns de euros o vindeiro ano
- Tras a posta en marcha do cribado de cérvix nas áreas de Lugo, Pontevedra e Ferrol, o Goberno galego prevé amplialo en 2023 ao conxunto da comunidade
- García Comesaña anuncia unha consignación de 400.000 euros para iniciar a comprometida ampliación do centro de saúde de Baltar
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá, durante a súa visita ao centro de Baltar de Sanxenxo, un incremento do 70%, na partida orzamentaria que se destinará en 2023 ao Programa poboacional de cribados. A Xunta de Galicia ampliará deste xeito dos 1,5 ata os 2’6 millóns de euros, a contía destinada á realización de cribados por parte do sistema sanitario público de galego.
O responsable da Sanidade galega precisou que, na actualidade, o programa de cribado do cérvix xan esta activo nas áreas sanitarias de Ferrol, Lugo e Pontevedra; e que o obxectivo da Xunta de Galicia “é que durante o ano 2023 se estenda as restantes áreas”.
Garcia Comesaña remarcou que á prevención é un dos piares fundamentais da saúde pública, e destacou que grazas á partida consignada, tamén poderá ampliar o vindeiro ano o Plan galego de cribado Neonatal, coa a inclusión de tres novas patoloxías: a atrofia medular espiñal, a inmunodeficiencia combinada grave e a hiperplasia suprarrenal conxénita.
Nesta liña, cualificou esta ampliación orzamentaria como “moi necesaria”, ao permitir non só ampliar a carteira senón tamén manter a calidade dos cribados xa implantados, en referencia ao de cancro de mamá (cuxo nivel de participación acada o 82%); e ao de cancro colorrectal, estendido a toda a comunidade galega desde o ano 2019.
Ampliación do centro de saúde de Baltar e novos médicos
Aproveitando a súa presenza en Sanxenxo, o conselleiro de Sanidade precisou que o proxecto de Orzamentos que o goberno galego ten remitido ao Parlamento reserva un total de 400.000 euros ás obras de ampliación do centro de saúde de Baltar.
Unha actuación, incidiu, que permitirá dar resposta ás peticións trasladadas polo persoal do centro sobre a necesidade de contar cun maior espazo no centro. En particular, informou de que, respondendo á idea formulada polo concello, se construirá un novo andar no centro, unha ampliación que permitirá incorporar 5 novos espazos (unha consulta de enfermaría, unha consulta de traballo social, unha consulta de docencia, unha sala de técnicas e unha sala polivalente) e reestruturar as estancias existentes para mellorar tanto a prestación asistencial como o entorno de traballo dos profesionais.
Ademais das obras de ampliación, o centro de saúde Baltar verá ampliado o seu cadro de persoal nos próximos días coa incorporación dun novo profesional médico con praza fixa, tras serlle adxudicada unha das 106 prazas de facultativo especialista en atención primaria que o goberno galego ofertou este ano a través dun concurso de méritos para cubrir postos vacantes en centros de difícil cobertura.
“Nun tempo récord de cinco meses resolvemos un proceso selectivo que vai permitir que, neste caso, 11 profesionais se incorporen cunha praza fixa a centros de saúde da comarca do Salnés, que ademais farán 2 gardas ao mes no PAC, axudando así a resolver os problemas de cobertura” apuntou o conselleiro.
Por último, e ante o déficit de profesionais médicos que experimenta todo o Sistema Nacional de Saúde, García Comesaña lembrou que o proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2023 tamén incorporará un incremento do 10% para a formación de novos especialistas, ata superar os 67 millóns de euros, e un total de 4 millóns de euros para financiar as melloras retributivas para o persoal da atención primaria que foron acordadas de xeito unánime coas organización sindicais neste verán e que están vencelladas á mellor remuneración das prolongacións de xornada, ou a asunción de parte da cota dun profesional médico ausente.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade