Concello de Sanxenxo - A CONSELLEIRA DO MAR VISITA PORTONOVO PARA COÑECER AS ACTUACIÓNS DE MELLORA DE EFICIENCIA ENERXÉTICA E SEGURIDADE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe a lonxa de Portonovo, en Sanxenxo, onde coñeceu o resultado dos investimentos realizados en materia de eficiencia enerxética e seguridade mediante a instalación de placas solares fotovoltaicas nos tellados da lonxa e na adquisición dun portapalés eléctrico. 

A conselleira, que estivo acompañada polo alcalde, Telmo Martín, o concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e  o patrón maior, Martín Domínguez, especificou que en total o ano pasado o Goberno galego aprobou case 50 proxectos deste tipo que contaron cun valor de axuda de máis de 4,3 millóns de euros. Ademais, lembrou que esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará a convocatoria deste ano á que o Goberno galego destina 4,6 millóns de euros. O obxectivo destas achegas -cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP)- é impulsar a mellora constante das instalacións e dos equipamentos portuarios para facilitar o labor diario dos profesionais do mar, a competitividade do sector e a súa rendibilidade, expuxo Rosa Quintana.

O alcalde, Telmo Martín, agradeceu a “sensibilidade que a conselleira do Mar sempre ten con Sanxenxo e neste caso co porto de Portonovo”. Unha zona que “está chamada a ser de novo unha vila do tapeo e de degustación dos productos do mar que saen desta lonxa”. O rexedor aproveitou a visita para pedirlle a conselleira que mentras non se execute o proxecto de reordenación da zona portuaria se “acometa un pequeno lavado das instalacións a corto prazo”.

A lonxa de Portonovo

O proxecto de eficiencia enerxética realizado nesta lonxa contou cunha axuda da Xunta de 65.000 euros no marco da convocatoria do ano pasado e consistiu na instalación de 180 placas solares fotovoltaicas nos tellados do edificio que permitirán un aforro en electricidade de arredor do 50%. O segundo investimento, cunha achega de máis de 35.600 euros, está centrado na  mellora da seguridade e as condicións de traballo na lonxa e permitiu a adquisición dun portapalés eléctrico. A isto engadirase unha carretilla elevadora eléctrica.

A lonxa de Portonovo ten unha superficie construída en planta de case 1.900 m2  repartidos en distintas áreas. Unha delas é a da sala de poxas con sistema automatizado, a cámara frigorífica, as oficinas dos servizos veterinarios e as instalacións de servizo. Outra zona é a área de xestión e servizos de lonxa, formada polas oficinas, os vestiarios e o almacén, o cuarto das instalacións e a sala multiusos. 

Tamén hai unha zona composta por locais de servizo da actividade da lonxa e do porto e outra de visitas que permite a convivencia entre o turismo e a actividade das instalacións sen alterala. De feito, a confraría de Portonovo foi galardoada nos III Premios Economía Azul polo proxecto Acondicionamento do espazo da lonxa de Portonovo para a mellora do uso turístico e comercial implantando novas tecnoloxías – LonxaTour, realizado ao abeiro do GALP Ría de Pontevedra e que busca mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros da lonxa local e a oferta de turismo mariñeiro no centro de primeira venda impulsando tamén a sensibilización medioambiental.

0
0
0
s2sdefault