Concello de Sanxenxo - A SALA NAUTA ACOLLERÁ A EXPOSICIÓN “SON (DO VERBO SER)” DE UXÍA GONZALO SALGUEIRO E UXÍA CANEDA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 

A mostra inaugurouse esta mañá co primeiro pase inmersivo e a presenza de autoridades

 

A Sala Nauta acolle dende hoxe e ata o 16 de abril a exposición “Son (do verbo ser)” de Uxía Gonzalo Salgueiro e Uxía Caneda. Trátase dunha mostra inmersiva que combina a visualización das obras expostas cunha banda sonora propia, así como a experiencia coas texturas, olores, viño e a realidade aumentada. A concelleira de Cultura e Educación, Paz Lago, destacou hoxe durante a inauguración que se trata dunha proposta “diferente e novidosa que Sanxenxo tiña que apoiar”.

A exposición conta cunha colección de seis cadros que xiran en torno ao recordo e o sentimento de nostalxia, empregando como elementos principais a natureza e a paisaxe das Rías Baixas, baixo os títulos: Las simples cosas, Díxomo abuelo Manolo, Cando as olas rompen, O Mar estea en calma, Mirar con outros ollos e Nós.

A entrada será gratuita e a visita realizarase mediante pases cunha duración de dez minutos aproximadamente onde a música guiará aos espectadores a través dos cadros. O alumnado do Centro de Arte visitará a mostra o día 12 de abril para coñecer en profundidade a exposición da man das propias artistas. “Estamos moi vinculadas a Sanxenxo e parécenos toda unha oportunidade poder contar con esta sala para expoñer o noso traballo que pode ser visto por miles de persoas”, asegurou Uxía Gonzalo.

A exposición combina distintas técnicas coas que se trata de transmitir distintos sentimentos e situacións persoais que acompañadas da música axudan ao espectador a trasladalo a distintos espazos e momentos.

0
0
0
s2sdefault