Concello de Sanxenxo - A XUNTA MELLORARÁ A SEGURIDADE VIARIA E A MOBILIDADE NA ESTRADA AUTONÓMICA PO-308 AO SEU PASO POLO CONCELLO DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Noticias

 

  • A nova intervención, cun investimento de case 50.000 €, ten como obxectivo facilitar con regulación por semáforos a realización do xiro á esquerda desde a rúa dos Cesteiros cara á rúa Progreso, sen que supoña retencións no tráfico cara á Lanzada e a autovía do Salnés
  • Instalaranse tres semáforos, dispostos dous deles na estrada PO-308 e o terceiro na rúa dos Cesteiros
  • Está previsto que os traballos comecen na vindeira semana e suporán algunha afección ao tráfico, que será debidamente sinalizada

 

A Xunta realizará novas obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-308, ao seu paso polo concello de Sanxenxo.

A actuación, adxudicada á empresa Setga, S.L. por preto de 50.000 euros, está previsto que comece a vindeira semana e suporá algunha afección ao tráfico, que estará debidamente sinalizada.

Os traballos consisten na instalación de regulación semafórica na intersección da rúa dos Cesteiros coa estrada PO-308 á altura da rúa Progreso, no punto quilométrico 16+450, no núcleo urbano do municipio.

Esta intervención xorde da necesidade de regular o tráfico na intersección entre a rúa dos Cesteiros e Rúa Progreso, na que na actualidade só está permitido o xiro á dereita, e o cambio de sentido debe realizarse na glorieta da intersección da rúa de Madrid coa PO-308, situada aproximadamente a 300 metros.

Isto supón como principal inconveniente a interrupción na fluidez do tránsito das liñas de autobús en dirección A Lanzada e a conexión coa autovía do Salnés (AG-41), especialmente en horas punta.

Cos traballos que se van levar a cabo trátase de facilitar con regulación semafórica  a realización do xiro á esquerda desde a rúa dos Cesteiros cara á estrada autonómica PO-308, sen que supoña retencións.

Para iso instalaranse tres semáforos, dispostos dous deles na estrada PO-308 e o terceiro na rúa dos Cesteiros.

As obras inclúen a demolición dos firmes e pavimentos en zona de canalizacións. Tamén se prevé a execución de canalizacións, mediante escavación en gabia, e disposición de tubos de polietileno de diámetro 110 mm para a rede de electricidade e de PVC de diámetro 75 mm para a de telecomunicacións.

Para a gabia disporase de recheo con material seleccionado e formigonarase para protección de conducións, e executaranse as correspondentes arquetas de derivación e cruzamento.

Nesta intervención inclúese, tamén, a subministración e instalación de semáforos, e de regulador de tráfico, así como o cableado e operación complementarias ata a súa posta en funcionamento.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

0
0
0
s2sdefault