Sanxenxo, luns 26 de agosto de 2024.- A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, en colaboración coa Asociación de Nenos con Diabetes de Galicia -ANEDIA- e o Concello de Sanxenxo,celebraron hoxe polas rúas e praias de Portonovo unha scape room urban sobre a diabetes. Unha actividade lúdica e didáctica planificada e coordinada por profesionais tanto do servizo de Endocrinoloxia do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés coma do centro de saúde de Baltar e a Dirección da Área Sanitaria.
Nesta scape room urban sobre a diabetes -de hora e media de duración- participaron 46 nenos dentre 12 e 17 anos, xunto con 4 monitores e 12 voluntarios procedentes do Campamento ANEDIA para nenos e nenas con diabetes, unha actividade estival que se desenvolve na Illa de Ons do 21 ao 28 de agosto nas instalacións da Xunta de Galicia.
Procedente de Ons, este colectivo infantil e xuvenil desembarcou ás 12:30h. no porto de Baltar, onde foi recibido polo xerente da Área Sanitaria, José Flores, a directora de Atención Primaria da área de saúde, Itziar Melendo, a concelleira de Educación e Cultura do Concello de Sanxenxo, Paz Lago, profesionais asistenciais e membros de ANEDIA.
Posteriormente, nenos e xóvenes, monitores e voluntariado comezaron esta actividade grupal na busca de diferentes pistas, a través dun roteiro urbán que lles levou polo porto e a lonxa de Baltar, así coma pola praia de Caneliñas, a praza de abastos, a praia de Baltar e o centro de Atención Primaria, lugar onde rematou esta scape room urban sobre diabetes cunha entrega de premios.
Reforzo das estratexias na atención á diabetes
Segundo sinalaron os organizadores, este tipo de actividades lúdicas e didácticas reforzan as estratexias e programas de atención específica á diabetes en idades infantís e xuvenís, en coordinación con nutricionistas e endocrinos do Servizo Galego de Saúde, así coma de profesionais de Enfermaría do centro de saúde sanxenxino.
Durante a celebración da scape room urban, os profesionais da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, xunto con membros de ANEDIA aportaron a través das pistas emprazadas no roteiro lúdico diversas pautas de saúde e consellos preventivos orientados ao benestar do colectivo de menores con diabetes.
Gabinete de comunicación da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés