ESTA SEMANA COMEZARÁ A MONTAXE DA CARPA DA PRAZA DO MAR
A instalación da carpa da Praza do Mar comezará esta semana para acoller os concertos previos á semana santa e para a celebración da segunda Feira Mix Made in Sanxenxo e que se celebrará os días 18, 19 e 20 de abril.
A programación da feira será presentada nos próximos días e as empresas interesadas en participar nela poderán facelo a través do teléfono: 986 861 343.
A subministración da carpa foi adxudicada á empresa IRMAFER S.A, por un valor de 40.590€.
O Concello de Sanxenxo prepara unha fin de semana musical previa ao comezo da Semana Santa con 3 concertos gratuítos que terán lugar na carpa instalada na Praza do Mar con motivo da celebración da II Feira Mix Sanxenxo.
Festival da Terra
O primeiro dos concertos será o venres 12 de abril, ás 21.00 h, co Festival da Terra, no que participarán:
- Señor Non.
- Vandallica.
- Kaleikia.
- Samesugas.
- The Speedbombs.
O concerto será de entrada gratuíta e os beneficios que voluntariamente se poidan recadar irán destinados á asociación peludos invisibles.
Fredi Leis
O sábado 13 de abril, ás 22.30 h, será o concerto de Fredi Leis. Este concerto foi aprazado o pasado mes de decembro, con motivo do naufraxio dun pesqueiro da zona.
Fredi Leis é Un Intérprete, músico e compositor galego, que en 2015 estreou o seu primeiro EP, titulado “Días Grandes”, composto na súa totalidade por el.
Fredi Leis postúlase como unha das novas promesas da canción de autor renovada e despois de xirar por salas de toda España, o pasado mes de setembro presentaba “Bolboretas” o primeiro sinxelo do novo álbum. Fredi compaxina a música co seu debut no cinema, xa que forma parte do reparto da película “A sombra da Lei, dirixida por Dani de La Torre.
Sanxenxo non quixo perder a oportunidade de ter a Fredi Leis connosco e, é por iso, que se decidiu o adiamento da data para celebralo o próximo 13 de abril.
A entrada será gratuíta con invitación. As invitacións poderán conseguirse a través da seguinte ligazón.
Milladoiro
O terceiro concerto de Semana Santa será do grupo Milladoiro, o domingo 14 de abril ás 22.30 h.
A entrada será gratuíta para poder gozar deste grupo galego de música folk celta, nacido a finais dos 70 coa unión de Faíscas do Xiabre e os músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní.