Concello de Sanxenxo - Continúa "Sanxenxo Fala"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Cultura

Continúa o “Sanxenxo Fala”, programa que ten como obxectivo a promoción da cultura, tradición e promoción do uso do galego. Así pois durante esta fin de semana iníciase o Ciclo de Cantos de Taberna e tamén terá lugar o II Concurso de Música Tradicional Soalleira.

Os "Cantos de Taberna" a cargo do grupo Retesías achegaron onte a diferentes locais da vila de Portonovo as cancións tradicionais, facendo partícipes e involucrando ao público presente. Este ciclo desenvolverase todos os venres do mes de maio.

Trátase de recuperar unha tradición dos anos 50, 60 e 70 nos que as tabernas eran lugar de encontro de amigos que, ademais de xuntarse para tomar un viño e falar, tamén compartían o gusto pola música e o canto, xa fosen "a capella" ou acompañados de instrumentos musicais.

O próximo domingo, 12 de maio no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán terá lugar o II Concurso de Música Tradicional Soalleira, que nace no ano 2018 por iniciativa da Asociación Cultural Soalleira e coa colaboración do Concello de Sanxenxo, dentro do programa Sanxenxo Fala.

Dito evento ten como obxectivo achegar ás veciñas e veciños de Sanxenxo e ao público en xeral a riqueza das nosas cancións tradicionais acompañadas de percusión, pois aínda que é un concurso de música tradicional dirixido a todo tipo de asociacións: folclóricas, culturais, xuvenís, de veciños, ANPAS… sen ánimo de lucro a modalidade na que se pode participar é pandeireta e percusión tradicional.

Dende a Asociación Cultural Soalleira e a Concellería de Cultura volcámonos ao cen por cen neste proxecto tan importante, xa que mediante este tipo de festexos, estamos a defender a nosa cultura, promocionar o noso folclore, homenaxear aos nosos antergos e ofrecerlle valores incalculables aos nosos pequenos.

Establécense catro categorías de participación: Categoría A (Ata 9 anos), Categoría B (De 10 a 13 anos), Categoría C (De 14 A 17 anos) e Categoría D (De 18 en diante) e prémiase a autenticidade, dificultade, afinación e interpretación das pezas que se levan a escena cun total de 3.500 € que se reparten en tres premios por categoría. Así mesmo, hai 2 premios para mellor vestiario.

“Sen dúbida, esta recompensa non sería posible sen a colaboración do Concello de Sanxenxo e da súa Concelleira de Cultura, Paz Lago que aposta tamén pola difusión da nosa cultura con este proxecto tan importante para nós, para o noso concello e para a nosa Terra”, afirman dende a asociación organizadora.

0
0
0
s2sdefault