A Concellería de Cultura ten organizado para o xoves 25 de xullo un concerto de Óscar Ibáñez en Sanxenxo.
O concerto terá lugar ás 22.00h. na Praza dos Barcos e o gaiteiro e frautista poiense ÓSCAR IBÁÑEZ ofrecerá un espectáculo especialmente deseñado para celebrar o Día de Galicia coa colaboración dun centenar de artistas.
Deste xeito actuará coa súa banda de directo TRIBO formada polos seus músicos habituais Fernando Fraga, acordeón, Ioana Pérez, violín, Carlos Calviño, guitarra, Paco Dicenta, baixo, Andrés Vilán, percusión e batería, e un cento de convidados entre os que figuran artistas e agrupacións locais como a percusionista Carla Villanueva, as bailadoras das agrupacións Abiñadoira e Os Gatiños, a Coral Polifónica Santa María Adigna ou a Banda de Música de Sanxenxo, e outros procedentes de distintos puntos do país como a bailarina de danza contemporánea ferrolá Eva Faraldo, a bailarina de danza acrobática pontevedresa Rebeca Santos, a cantante marinense Montse Ogando, gaiteiros das bandas de gaitas Nova Era de Verín e Suevia de Porto do Son ou os cabezudos dos Viqueiras de Ordes.
No concerto de aproximadamente 2 horas de duración ÓSCAR IBÁÑEZ repasará os temas dos seus traballos discográficos “ALÉN DO MAR” e “AIRES DE PONTEVEDRA”, ao tempo que interpretará outros temas populares, que arranxou especialmente para este concerto, que é un dos proxectos de maior magnitude que ten levado a cabo nos últimos anos, polo que agradece a confianza e aposta do Concello de Sanxenxo a e a implicación das agrupacións e artistas locais.