Concello de Sanxenxo - ISIDORO SABELL E VICTORIANO OTERO ACHEGAN OS PERIPLOS VITAIS DUNHA ESTIRPE NOBRE DE AIOS EN CARTAXENA DE INDIAS E UN COMERCIANTE DE SANXENXO EN MANILA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Cultura

O Pazo de Emilia Pardo Bazán acolleu esta tarde a inauguración das XI Xornadas de Sanxenxo na Historia actividade que se prolongará até o vindeiro venres

O Pazo de Emilia Pardo Bazán acolleu esta tarde as XI Xornadas de Sanxenxo na Historia. A cita que este ano chega de man dun novo colectivo, a Asociación de Estudos Locais de Sanxenxo (Aelos), contou co respaldo no arranque da actividade do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e a concelleira de Cultura, Paz Lago. A presidenta de Aelos, Alberta Lorenzo, realizou unha breve introdución do acto e a presentación do colectivo para dar paso á mesa redonda que tivo como protagonistas a Isidoro Sabell, doutor en Farmacia, e a Victoriano Otero, funcionario municipal xubilado. O coloquio que tivo como moderador ao coñecido arquitecto Rafael Fontoira abordou a apaixonante vida dunha estirpe nobre de Aios en Cartaxena de Indias e dun emprendedor comerciantes de Sanxenxo en Manila.

Baixo o título "Alberto Jacinto de Reyes, un fillo de Sanxenxo na ruta comercial do Galeón de Manila", Sabell achegou aos presentes no salón de actos do Pazo o periplo do comerciante desde Acapulco até Manila onde fixou a súa residencia e onde logrou crear unha ruta da seda capaz de retirarlle o monopolio do tecido a Portugal. "As marxes de ganancia nese momento coa venda do produto era do 300% e iso permitiulle a Jacinto situarse socialmente moi ben en Manila onde mesmo chegou a ser rexedor", explicou Isidoro Sabell. O intercambio de produtos non se limitou á seda senón tamén a outros elementos de luxo como cerámica, marfil" que se enviaba a cambio de prata, procedente de Perú e México. Sabell que logrou inventariar numerosos expedientes sobre a figura deste exitoso comerciante relatou un episodio sobre unha doazón infrutuosa para Sanxenxo. "Enviou 19.000 reais para que se construíse unha escola pública en Padriñán e para iso nomeou como albacea un sobriño que quedou co diñeiro e non se chegou a construír", contou.

Victoriano Otero que leva anos estudando a historia de Sanxenxo e os seus personaxes elixiu para a charla desta tarde o "Real Couto de San Xoán de Aios" sobre a nobre estirpe de Blas Antonio de Aios, que compaxinou o seu cargo como tenente coronel co de comerciante en Cartaxena de Indias, e do seu primoxénito Jose Antonio de Aios e o seu decisivo papel na independencia de Cartaxena. "Este veciño de Aios chegou a doar 12.000 pesos de prata ao Estado español", explicou Otero. Máis determinante foi o papel do seu primoxénito que encabezou a loita pola independencia e que foi fusilado por tal motivo. "Cartaxena ten unha rúa e mesmo un hotel co seu nome como promártir da independencia", sinalou Otero.

Mañá continuarán as xornadas, ás 20:30 horas, cunha mesa redonda que versará sobre a "Arquitectura de Sanxenxo" con Alberta Lorenzo que abordará "Arquitecturas rehabilitadas de Sanxenxo" e Juan Mario Crecente que tratará a "Rehabilitación do Pazo de Quintáns". Martín Padín González será o moderador das charlas.

0
0
0
s2sdefault