A premiada polo seu papel durante dez anos no Seminario de Estudos Locais asegurou que supón o "broche de ouro" a unha etapa
A figura da escritora Emilia Pardo Bazán e Ana Cancela, recoñecida este ano co premio Sanxenxo na Historia, centraron a terceira e última xornada da actividade no Pazo. A xornada de clausura á que asistiron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Cultura, Paz Lago, deu comezo cunha mesa redonda na que se abordou a vinculación da escritora co municipio.
Ángeles Marcos, profesora de adultos, expuxo o seu proxecto "Roteiro Emilia Pardo Bazán", unha ruta circular por Sanxenxo con oito paradas distintas que comeza e acaba na praza do Aviador Piñeiro. "É unha proposta didáctica na que se fai un repaso de lugares onde ela viviu ou que aparecen nos seus libros", explicou. Unha senda literaria que ía realizarse a pasada Semana Santa e que foi freada pola alerta sanitaria. Marcos propuxo esta tarde o traslado dos restos da escritora desde Madrid ao Pavillón de Galegos Ilustres e instou aos concellos de Sanxenxo e A Coruña a realizar os trámites. "Considero que sería unha boa forma de homenaxe no centenario da súa morte que é o próximo ano. Ela sempre quixo estar enterrada en Galicia", incidiu.
O catedrático en Filosofía, Marcelino Agís, presentou esta tarde o libro, "Dona Emilia: A escritora de Miraflores". Unha obra na que se realiza un perfil intelectual e ideolóxico da escritora. "É a última publicación de SEL e a primeira de Aelos, é unha obra de transición entre unha etapa e outra", explicou Agís. No libro profúndase sobre o valor artístico e arquitectónico da Torre de Miraflores e abórdase unha nova hipótese, a través de Rafael Fontoira, sobre a orixe do Pazo.
"Broche de ouro"
Visiblemente emocionada e agradecida, Ana Cancela, recolleu esta tarde o premio Sanxenxo na Historia tras estar dez anos á fronte do Seminario de Estudos Locais que deu paso a Aelos. "Este premio supón o broche de ouro a unha etapa da miña vida no Seminario de Estudos Locais. Foi un acerto dar paso a Aelos e dá gusto ver o traballo que están a realizar", dixo. Cancela agradeceu o papel das administracións na súa aposta por estas xornadas ao longo destes anos como o Concello de Sanxenxo e a Xunta de Galicia. "Sempre me sentín moi apoiada e agora podo dedicarme á pintura e a exposición de obras. O traballo das asociacións é invisible en moitas ocasións e ocúpache moito tempo", asegurou.
O alcalde, Telmo Martín, destacou que as xornadas para divulgar a historia de Sanxenxo convertéronse nun evento imprescindible do verán no municipio, que "cada ano, supéranse e xeran un maior interese". Na mesma liña, Martín sinalou que "Sanxenxo tivo tanto éxito polas súas praias que, ás veces, esquecemos que temos un importante patrimonio composto por 172 elementos arquitectónicos protexidos entre igrexas, pazos, casas solariegas, hórreos, cruceiros e outras edificacións".