Concello de Sanxenxo - O CONCELLO TRIPLICARÁ AS QUENDAS DE LIMPEZA NOS COLEXIOS E ORDENARÁ AS ENTRADAS E SAÍDAS CON POLICÍA DURANTE O PRÓXIMO CURSO ESCOLAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Cultura

O alcalde e a concelleira de Educación fixeron unha radiografía da situación dos centros educativos e o plan que se aplicará para garantir a máxima seguridade sanitaria
 
O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Paz Lago, deron a coñecer onte o plan de actuación previsto polo Concello de Sanxenxo nos colexios para o próximo curso escolar para reforzar a seguridade sanitaria fronte ao Covid. O rexedor iniciou a súa intervención enviando "unha mensaxe de tranquilidade" ás familias. "O goberno vai poñer todo da súa parte para xenerar as maiores condicións de seguridade nos colexios a partir do día 10", asegurou. 
 
Martín realizou unha exhaustiva radiografía da situación dos centros educativos do municipio e do plan que se aplicará para minimizar os riscos de contaxio. "Os colexios de Sanxenxo teñen un tamaño e un número de alumnos que facilitan moito as cousas nunha crise. Catro colexios teñen menos de 135 alumnos, unha gran ventaxa para evitar aglomeracións, e o resto oscilan entre 200 e pouco máis de 300 alumnos", incidiu. Uns datos que mesmo melloran no número de alumnado por aula xa que en todos os centros mantense por baixo do cociente máximo marcado pola Xunta de Galicia, 25 alumnos. Tanto nas aulas de Infantil como en Primaria o número dalgúns oscila entre os 20 e 15 alumnos.
 
Os catro actores que conforman a comunidade educativa están a traballar desde hai semanas perfectamente coordinados para garantir a maior seguridade posible. "O goberno máis alá das nosas competencias vai colaborar en todo o que nos pidan as familias, profesores e a Consellería", incidiu Martín. O Concello triplicará as quendas de limpeza nos colexios e ordenará as entradas e saídas dos centros educativos que así o requiriron: Nantes, A Florida, Portonovo, Cruceiro e IES Vilalonga. Outra vantaxe dos colexios e os institutos de Sanxenxo é a variedade de accesos o que axuda aínda máis a evitar aglomeracións. Catros centros dispoñen de 2 entradas e outros catro contan con até 3 accesos diferentes. "O Concello tamén se involucrará na conciliación das familias. Os comedores escolares teñen 162 nenos e o Plan Madruga para 28 familias que se incorporan moi cedo aos seus traballos. Estes servizos son xestionados polas ANPAS, pero nós estamos a colaborar en todo o que nos piden", apuntou Martín que lembrou as medidas recomendadas pola Xunta e o Ministerio sobre a hixiene de mans e a distancia social.
 
A concelleira de Educación, Paz Lago, incidiu na importancia "do cociente por aula que en tódolos casos está por debaixo do que marca a Consellería de Educación, 25 alumnos e nos posibles accesos aos centros". En todo caso, Lago asegurou que o Concello "estará aí para un curso escolar atípico, pero no que nos involucraremos como non podía ser doutra maneira porque están en xogo os nosos nenos e o noso futuro". A concelleira de Educación que xa mantivo encontros coas direccións dos centros educativos, manterá hoxe unha reunión coas ANPA.
0
0
0
s2sdefault