A celebración do evento gastronómico celebrarase mañá seguindo un protocolo de continxencia anti Covid 19
A Feira da Cebola celebrará mañá a súa trixésimo oitava edición cun total de 41 postos con distintos produtos da horta de Sanxenxo e un estrito protocolo de continxencia anti Covid 19. O recinto da feira estará delimitado e o aforamento estará limitado a 400 persoas para garantir o distanciamento social e o cumprimento da normativa como o uso de máscara e xel desinfectante.
A distancia entre cada posto é de dous metros e a amplitude dos corredores do percorrido é, de entre 7 e 3 metros, para favorecer a rotación do público, evitar aglomeracións e reducir colas á entrada do recinto. Nos accesos, persoal municipal realizará un cálculo con "clickers" e axentes da policía local velarán porque os asistentes respecten as normas anticovid, que figurarán en carteis informativos que se colocarán por todo o recinto.
En canto aos postos de venda, o protocolo recomenda deixar libre unha zona para o embolsado e que se evite por parte do comprador a manipulación dos produtos e se é necesario deberá proporcionárselle luvas. No caso de que haxa máis dun comprador no mesmo posto, deberase respectar a distancia na quenda de espera. Os asistentes contarán con xel desinfectante no acceso ao recinto e nos distintos postos da feira.
O Concello de Sanxenxo para extremar a precaución sanitaria suprimiu nesta edición o concurso e a entrega das Cebolas de Ouro. "Cremos que debemos manter a esencia da Feira que é a exaltación dos produtos propios da horta, a pesar da situación de alerta sanitaria que estamos a vivir. Facémolo cumprindo con todas as medidas para que o público acceda con tranquilidade", asegura a concelleira de Cultura, Paz Lago.
A FEIRA DA CEBOLA CONTARÁ CON 41 POSTOS E O AFORAMENTO ESTARÁ LIMITADO A 400 PERSOAS
powered by social2s