Concello de Sanxenxo - A SALA NAUTA ACOLLE A EXPOSICIÓN "EL ARTE EN TIEMPOS DE PANDEMIA" CON 85 OBRAS DE ALUMNOS DO CENTRO DE ARTE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Cultura

A pandemia foi un motivo de inspiración para cinco alumnos do Centro de Arte que nestes días expoñen case un centenar de obras na Sala Nauta. Baixo o título, "El Arte en tiempos de pandemia", Begoña Mouriño, Angélica Conde, Raquel Villar, Silvia Otero e Mario Gándara mostran 85 traballos, realizados neste último ano, moitos deles desde o confinamento.

A exposición recolle en xeral pinturas moi heteroxéneas e de diferentes temáticas que corresponde a pintores amateurs que están na procura e desenvolvemento do seu estilo artístico. Hai unha pequena mostra de paisaxes da contorna, en especial de Montalvo, que algúns dos alumnos realizaron en grupo ao aire libre. "Quedei sorprendida cos resultados porque pintar ao aire libre é unha forma de traballo dificultosa que require experiencia e oficio. Os resultados evidenciaban moita aprendizaxe", indica María Vázquez, profesora do Centro de Arte.

Todos eles destacan "a intensificación do traballo creativo" cunha procura cara ao interior durante o confinamento, nun momento de especial reflexión no que as clases virtuais do Centro de Arte tiveron un papel determinante. Manter o contacto telemático converteuse ademais dun medio para continuar formándose, nun modo de transmitir apoio. De feito, este medio de traballo continuará e reforzará o traballo para o próximo curso. "Un complemento sen dúbida interesante para compartir e intercambiar coñecemento que chegou para quedar e enriquecer o desenvolvemento habitual do curso", asegura María Vázquez.

 

 

0
0
0
s2sdefault