Concello de Sanxenxo - O CONCELLO CONTRATARÁ A 16 PROFESORES PARA IMPARTIR CLASES NA ESCOLA DE MÚSICA MUNICIPAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Cultura

A previsión é que o curso arrinque a principios de outubro con clases de aforamento reducido e medidas de seguridade

O Concello de Sanxenxo iniciou esta semana o proceso de selección para a contratación de 16 profesores para impartir clases na escola de música. As disciplinas para as que se contratarán docentes son oboe, frauta, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trombón, tuba, violoncelo, contrabaixo, percusión, guitarra, piano, linguaxe musical e educación musical.

As persoas interesadas deberán presentar a instancia, incluída nas bases e colgada no taboleiro de anuncios da Sede Electrónica da web do Concello de Sanxenxo, no rexistro municipal de 9 a 13 horas ou na sede electrónica. O prazo conclúe o luns 21 de setembro. O sistema de elección será o de concurso-oposición cunha proba selectiva que terá lugar o vindeiro xoves 24 de setembro no Auditorio ás 9 horas.

A previsión é que o curso arrinque a principios de outubro con aforamentos limitados a un máximo de 10 alumnos por aula e medidas de seguridade anticovid. O primeiro prazo de matriculación pechouse o pasado mes de xullo con 184 alumnos e volverase a abrir un segundo prazo coincidindo co comezo das clases. Os bos resultados dos últimos anos dispararon as matriculacións na escola municipal máis dun 40%. "Estamos moi satisfeitos cos resultados. Dez alumnos que se presentaron este ano ao conservatorio aprobaron, a pesar de ser un ano con dificultades seguimos coa teledocencia e deu os seus froitos", asegura o director, Benjamín Dourado

Este novo curso contará cun novo instrumento de corda, o contrabaixo. "É necesario que para que a escola siga medrando amplíense os instrumentos. O obxectivo a curto prazo e contar tamén co violín e poder facer unha orquestra de corda", explica Dourado.

O plan anticovid obrigou a desdobrar clases e a crear até 22 grupos de distintos niveis. Ningunha clase terá máis de 10 alumnos e crearanse accesos de entradas e saídas diferenciados con sinais no chan. O uso de xel desinfectante e a máscara serán obrigatorios. No caso dos instrumentos de vento mentres se estea tocando a distancia entre o alumno e o profesor será de máis de tres metros. A separación entre as cadeiras será, como mínimo, nas aulas de metro e medio.

Os familiares deberán permanecer no exterior do Pazo de Emilia Pardo Bazán para evitar aglomeracións no interior. A dirección do centro convocará unha reunión coas familias con motivo do novo curso para explicar todas as novas medidas.

0
0
0
s2sdefault