A competición da comezo cun acto de presentación mañá sábado, ás 19.00h. na Praza dos Barcos en Sanxenxo.
Ata o lugar desprázanse os 27 equipos que conforman a competición: os 6 clubs da LGT Feminina, os 11 da Liga A masculina e os 10 da Liga B masculina. O que se traduce en medio millar de deportistas que acudirán á cita acompañados das súas traiñeiras, as xigantes do mar de 12m, 200kg e cores características.
Tamén asistirán ao evento diversas autoridades, como o Secretario Xeral para o Deporte - José Ramón Lete -, o Alcalde de Sanxenxo - Telmo Martín- ou o Presidente da LGT - Javier Rodríguez.
Ademais do acto de presentación que contará coa presentación das plantillas, vídeos e entrevistas, tamén está previsto facer unha xornada de promoción de remo a través de ergómetros, para que todo aquel que se achegue á Praza dos Barcos poida aprender a técnica de remar, en horario de 16.00h a 18.00h.