Concello de Sanxenxo - Presentación da Liga Galega de Traiñeiras
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Deportes

A LGT presentou en Sanxenxo unha tempada intensa con récord de traiñeiras inscritas e “máis tripulacións que nunca”, dixo Lete Lasa.

A Liga Galega de Traiñeiras 2019 (LGT) por medio do seu presidente Javier Rodríguez entregou a tarde do sábado as súas dúas primeiras camisolas de vencedor, en terra e simbólicos pero de igual relevancia, ao Secretario Xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete, e ao Alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. As camisolas puxeron o colofón a un acto de presentación da tempada que atopou na Praza dos Barcos, en Sanxenxo, un lugar idóneo para promocionar o verán “con máis tripulacións da historia”, segundo recalcou Lete Lasa na súa alocución final.

Coa bancada do auditorio da praza ateigada de tripulantes (uns 600) dando visibilidade aos seus coloridos equipamentos, o Presidente da Federación Galega de Remo, José Manuel Seijas, e o Xefe provincial de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, entre o grupo de invitados que completaban tamén patrocinadores da LGT, o novo alcalde de Sanxenxo explicou que a presentación era un evento “moi especial” ao ser o primeiro tras a súa investidura matinal. Martín, que desbordou optimismo e regalou bromas a partes iguais, tamén lanzou dous retos claros: un, que Sanxenxo “teña traiñeira” competindo na LGT nun futuro próximo, e outro “que esta presentación se faga todos os anos en Sanxenxo” polo seu impacto.

Vinte e sete clubs, seis deles femininos, mostraron as súas credenciais para a tempada 2019. Abriu a serie de presentacións a liga feminina e a primeira tripulación en acceder ao escenario foi a do Club de Remo Cabo da Cruz. E tras patroas e remeiras, un desfile sen parar no que se nomeaba a todos os tripulantes que participarán este ano, moitas pousando cunha pancarta tamén significativa (“por un remo limpo”), nunha acción iniciada polo Club do Mar de Bueu e que logo foi seguida por varias máis, recibindo numerosos aplausos.

Para a LGT esta campaña supuxo ademais a “consolidación” do campionato feminino, segundo indicou Javier Rodríguez, presidente da liga, que tamén mostrou a súa alegría pola proposta do rexedor local para sumar unha tripulación máis no futuro. Rodríguez, ademais, recalcou que “serán dous meses nos que as traiñeiras percorrerán a costa desde o Cantábrico ao Atlántico”. A primeira regata, o día 29 en Mera (Oleiros), da liga A, e ao día seguinte Ares (A) e Redondela (Liga B) pecharán a primeira fin de semana competitiva. O 6 de xullo, en Redondela, primeira das oito probas do calendario feminino.

O acto, de pouco máis dunha hora de duración, tamén permitiu coñecer as impresións dos patróns, Astrid Steinbrüggen por parte feminina (Tirán) e Luis Pazos pola masculina (Ares). Aquela, de familia de apelido xermano e longa vinculación con Vigo desde o século pasado, considerou ás súas compañeiras de traiñeira “o mellor equipo do mundo”, este, co obxectivo de guiar a Ares ás dúas primeiras prazas, apuntou que será “unha tarefa complicada porque hai cinco ou seis equipos coa mesma meta”.

A presentación deu cabida tamén aos chascarrillos. Empezou Martín “pola noite deixen gozar aos remeiros duns gin- tonics, pero con coidado”, dixo, respondeulle xocoso Luis Pazos “alcalde, onde é o dos gin-tonics, que os de Ares imos todos”, quen a pedimento do público acabou facendo o xesto de “ ametrallarlos”. Unha excepción: só o mostra cando gaña unha bandeira. “Ocorréuseme un día, á xente gustoulle e desde esa dinme, veña, Pazos, fai a metralleta”. Arrincou a gargallada xeral do auditorio e merecidos aplausos.

Ademais, a LGT anunciou melloras de comunicación audiovisual para esta tempada, con resumos o mesmo día, un programa na segunda canle da TVG (En Xogo Traíñas) que se recupera, novas aplicacións e seguimento de regata online mediante “ tracking” para coñecer mellor tempos nos longos e diferenzas.

Lete, que tamén fixo público que a Xunta terá tolerancia cero coas trampas “imos previr, perseguir e castigar aos tramposos”, afirmou tallante, provocando unha das maiores ovacións dunha tarde asollada e algo ventosa, aproveitou para lembrar que os pasos máis espectaculares desta disciplina déronse con el á fronte do deporte galego: en 2003 a creación da ACT, en 2012 a posta en marcha das ligas A e B da LGT e en 2015 o campionato feminino.

Lete, que citou a Kipling para concluír a súa intervención “a vitoria e a derrota son grandes impostores”, lembrou que “o importante é o traballo e a honra”.

 

0
0
0
s2sdefault