Concello de Sanxenxo - OS CLUBS XUVENTUDE SANXENXO, NOALLA E VILALONGA ANALIZAN OS GASTOS DE MANTEMENTO DOS CAMPOS PARA DECIDIR SOBRE A AUTOXESTIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas Deportes

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, mantiveron esta semana unha nova reunión coas directivas para avanzar no novo modelo
 
O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Daniel Arosa, mantiveron esta semana un novo encontro cos directivos do Club Xuventude Sanxenxo, a Sociedade Deportiva de Noalla, e o Vilalonga Fútbol Club para seguir avanzando na autoxestión dos campos de fútbol. Os clubs atópanse analizando os gastos de mantemento anuais dos campos de fútbol en base aos datos facilitados polo Concello de Sanxenxo respecto dos últimos tres anos. As partidas fan referencia ao mantemento ou reparacións menores, factura de enerxía eléctrica e consumo de auga, uns gastos que até agora viña asumindo a entidade local.
 
Os gastos anuais totais superan nalgún caso os 20.000 euros e noutros son algo superiores a 13.000 euros. Agora as directivas analizan as cifras e tratan de buscar medidas que supoñan un aforro enerxético e de auga coas que rebaixar a factura anual para poder asumir o custo do mantemento. O obxectivo é que os clubs sexan capaces de autoxestionarse coas propias cotas de socios, espónsores, axudas de administracións e os ingresos por uso do terreo de xogo doutros equipos de fútbol. De feito, o Concello de Sanxenxo xa iniciou o proceso para a modificación e aprobación dos prezos públicos no que se marca unha cota única que roldará os 18 euros por cada hora de utilización do campo de fútbol tanto en partido como en adestramentos.
 
O Concello mantén a súa liña de fomentar o deporte base polo que seguirá apoiando economicamente aos clubs que teñan federados menores de 16 anos. Actualmente son 892 os mozos deportistas que cumpren esta condición en Sanxenxo, preto do 40% practican fútbol. Ademais, o alcalde mostrouse disposto a colaborar nos traballos que axuden a reducir o custo de mantemento dos campos de fútbol, pero incidiu, unha vez máis, en que "é preciso cambiar o modelo de xestión". Unha premisa que tamén comparten os clubs asistentes ao encontro. Un novo encontro o próximo día 22 permitirá seguir avanzando no novo sistema.
 
0
0
0
s2sdefault