Concello de Sanxenxo - O xuíz da Audiencia Provincial de A Coruña, José Vazquez Taín, estará mañá venres no auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O xuíz da Audiencia Provincial de A Coruña, José Vazquez Taín, estará mañá venres, ás 20.00h, no auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán, onde ofrecerá unha charla sobre como mellorar a comunicación familiar.

A charla enmárcase nas xornadas de formación para as familias, que levan por título “Mellora da comunicación cos nosos fillos e fillas: pautas de detección e resolución de conflitos no ámbito familiar” e que están organizadas polo Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, o Concello, as ANPAs e os centros educativos do municipio.

Estas xornadas están pensadas para que pais e nais se doten de ferramentas que faciliten e melloren a comunicación na familia, axudando na detección e resolución de conflitos que día a día se poden dar no ámbito familiar.

Finalizado o prazo de inscrición, recibíronse 1446 solicitudes de participación, quedando cubertas todas as prazas dos obradoiros que terán lugar o próximo venres 1 de xuño. No caso da conferencia de Vázquez Taín, e tendo en conta que o aforo do auditorio é para 300 persoas, aquelas persoas que estean interesadas en asistir, pero non realizaron a inscrición previa, poderán facelo antes de iniciar a conferencia.

“O traballo conxunto e campaña de divulgación das xornadas feito polas ANPAs, Concello, CFR e centros educativos deu froitos e superamos as expectativas iniciais en canto a número de persoas inscritas, cuestión que deixa patente a necesidade de ofertar iniciativas como esta” afirmou Paz Lago, concelleira de Educación, Cultura e Xuventude.

0
0
0
s2sdefault