Concello de Sanxenxo - A luz dos faros conecta Sanxenxo coa Costa da Morte
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A luz dos faros conecta Sanxenxo coa Costa da Morte, nunha exposición itinerante que pretende achegar o mundo do azulexo a veciños e visitantes.

Esta exposición itinerante de murais de azulexo chega a Sanxenxo como primeiro destino para a súa exposición da man de Subministracións Lar, empresa sita en Cee, Costa da Morte, A Coruña. Estará montada por completo a partir de mañá venres e poderá visitarse ata finais do mes de agosto no Paseo de Silgar.

A iniciativa social de Subministracións Lar, naceu hai 12 anos como Concurso de Murais de Azulexo Lar, co obxectivo de achegar o azulexo aos máis novos como elemento decorativo, á vez que funcional.

As obras están realizadas por alumnos de institutos e por asociacións, sen ánimo de lucro, de persoas que con necesidades específicas de apoio educativo, promovendo así a súa inclusión social; obtendo neste punto uns resultados excelentes segundo as valoracións dos especialistas, do mesmo xeito que pola dirección dos centros educativos.

Nesta ocasión o tema da colección deste oitavo concurso son os faros, un elemento moi importante debido á nosa xeografía. Os faros non só son un punto de luz, senón un salvavidas e un guía; facendo unha chiscadela aos mariñeiros, unha profesión tan propia desta costa, así como aos fareiros co seu labor de iluminar o seguro regreso a casa destes.

Paz Lago, concelleira de cultura e educación destaca que “con esta exposición preténdese ofrecer un espazo de divulgación de arte urbana, creando puntos de encontro entre cultura e arte, valorando obras feitas por mozos que o día de mañá serán o noso futuro.”

 

0
0
0
s2sdefault