Concello de Sanxenxo - O goberno adxudica a reforma integral da zona deportiva do Parque Espiñeiro en Portonovo
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno local adxudicou a reforma integral do parque do Espiñeiro en Portonovo, por un valor de 186.519€.

Do orzamento total, unha parte será financiada a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. A parte restante, irá con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, de forma bianual.

A actuación centrarase na zona deportiva do Parque. Este é un lugar no que se reúnen diariamente moitas persoas para practicar deporte nas dúas pistas abertas das que dispón. Unha para fútbol e outra para baloncesto. Estas pistas carecen de calquera tipo de cerramento ou de delimitación, polo que resultan perigosas para o resto de usuarios e transeúntes.

Ademais, tamén hai un pequeno conxunto de elementos ximnásticos con barras e espalderas, pero que debido á súa antigüidade resulta pouco atractivo e carece practicamente de uso.

O obxectivo desta actuación é acondicionar unha gran zona deportiva, pasando dos 950 m2 de ocupación a un espazo habilitado de 1.500 m2. Desta forma, poderase dar acollida a un maior número de usuarios que demandan este tipo de instalacións, favorecendo a unha vida sa e saudable. Así, construiranse 3 pistas polideportivas e unha zona de exercicio ao aire libre.

Á superficie de campo de fútbol existente dotaralla de céspede artificial verde e marcaxe con liñas en céspede branco de 5cm de ancho. O resto da soleira no perímetro do campo de fútbol pintarase en cor vermella. Ademais, instalarase un cerramento adaptado ás dimensións da pista, cunha altura nos laterais de 1 metro e nas cabeceiras de 3m. Colocaranse tamén dúas porterías novas de fútbol-salga de aceiro galvanizado.

Para o resto da zona deportiva adaptarase a soleira existente na cancha de baloncesto, procedendo á demolición duns 80 m2 na devandita cancha, ampliando a superficie da soleira nuns 596 m2. A zona demolida acondicionarase posteriormente con pradería de céspede.

Nesta superficie instalaranse dúas pistas polideportivas: unha de 14x24 m, con céspede artificial antiestático e outra de 10x20 m con soleira pintada de cor azul.

A zona de exercicio ao aire libre estará composta por dúas estacións de vitalidade: unha de forza e outra de resistencia e tres módulos de Street workout.

Para poder acometer esta actuación foi necesario obter as autorizacións sectoriais do Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e de Augas de Galicia.

0
0
0
s2sdefault