Nesta época do ano atopámonos con moitos contedores de residuos saturados con restos de poda, algo que non está permitido na ordenanza municipal de limpeza, e que pode xerar sancións de ser detectados pola policía local.
Por iso e co obxecto de mellorar os servizos ofertados aos nosos veciños, desde a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Sanxenxo, estase a traballar para que o próximo ano se instaure un servizo de recollida de restos de poda polas parroquias, como xa existe de residuos voluminosos, previa chamada telefónica. Este servizo estará destinado a particulares co fin de facer fronte aos restos xerados en pequenos xardíns que xestionen eles mesmos.
Para atender esta demanda veciñal de modo inmediato, o Concello instalou un contedor para restos de podas no Punto Limpo Municipal, situado en As Cereixeiras, Padriñán.
O Concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza pide “aos veciños que acudan a levar os restos de podas, no horario de apertura do punto limpo, (de martes a venres de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 19:00 h. e os sábados de mañá de 10:00 a 13:00 h.)”
Tamén lembrar que os veciños que desexen desfacerse de residuos voluminosos, teñen as opcións de utilizar o punto limpo ou o servizo municipal de recollida de aveños próximo ás vivendas, previa comunicación telefónica ao teléfono 638240885. “Deixar residuos voluminosos á beira dos contedores municipais sen autorización, incumpre as ordenanzas municipais, co que pode carrexar sancións de 90€ a 300€, ademais de afear a imaxe do municipio que todos debemos colaborar en que sexa a mellor posible.”
Este tipo de recollidas non ten ningún custo adicional para veciños, e Juan Deza “lamenta que con relativa frecuencia sigan aparecendo pequenas verteduras incontroladas”.