Concello de Sanxenxo - Primeira reunión do xurado do concurso de ideas do porto deportivo para facer a preselección de finalistas
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O xoves 14 celebrarase no salón de plenos o acto de apertura e exame administrativo da documentación incluída no sobre 1 da primeira fase das propostas presentadas ao concurso de ideas, que Nauta Sanxenxo convocou para o deseño das melloras do porto deportivo de Sanxenxo.

O xurado do concurso está composto por:

• Telmo Martín González: Presidente de Nauta Sanxenxo.
• O Interventor xeral do Concello de Sanxenxo.
• O arquitecto municipal de Sanxenxo.
• Un Titular do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
• Un Titular do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.
• Un arquitecto designado por Nauta Sanxenxo.
• Un enxeñeiro designado por Nauta Sanxenxo.
• Un arquitecto representante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
• O Presidente / Suplente de Portos de Galicia.
• Un enxeñeiro de camiños, canles e portos que forme parte do corpo técnico do ente público Portos de Galicia.
• Un arquitecto nomeado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña.
• Un representante da Confraría de pescadores de Sanxenxo.
• Un asesor xurídico designado por Nauta Sanxenxo, con voz pero sen voto.
• Un máximo de tres asesores nomeados polos membros do xurado.

A reunión comezará coa constitución formal do xurado, a continuación, darase conta das propostas presentadas e o xurado terá a potestade de admitilas ou non, no caso de que fosen presentadas fóra de prazo ou sen cumprir os criterios establecidos en prego.

No caso de que se detecten defectos emendables nas propostas, tal e como recollen nas bases, estas poderán ser modificadas nun prazo máximo de tres días hábiles.

Despois da publicación dunha listaxe de admitidos, a mesa terá que seleccionar aos 10 candidatos finalistas que participarán na seguinte fase do concurso, tendo o xurado un prazo máximo de 30 días naturais para a análise da documentación e a deliberación, contados desde a data de finalización do prazo de presentación das ofertas.

Nauta Sanxenxo convocou este concurso de ideas, co obxectivo de mellorar o espazo portuario, especialmente para un maior aproveitamento da praza do mar (12.000 m2) nos meses de peor climatoloxía.

O porto xera máis de 200 postos de traballo directos entre Nauta, os locais comerciais e os servizos náuticos. Sen contar as empresas que fan mantemento e reparación das embarcacións e os patróns e mariñeiros dos propios barcos.

En definitiva, o porto deportivo e o seu modelo de xestión mediante a empresa municipal de Nauta foi un éxito. Permitiu dotar a Sanxenxo de amplos espazos públicos que non tiña e, ademais, converteuse nun dos motores económicos, revitalizando a actividade hostaleira da vila.

O concurso de ideas vai permitir dar un paso máis, mediante a selección dun proxecto arquitectónico que vai servir para desenvolver todo o potencial do porto deportivo e mellorar aínda máis a calidade urbanística da zona.

 

0
0
0
s2sdefault