Concello de Sanxenxo - As obras do novo edificio de piragüismo de Portonovo estarán rematadas en tres semanas
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

En marzo comezaron os traballos previos para a instalación do novo club de piragüismo ubicado na praia de Baltar. Traballos que incluían o trasplante de vexetación dunar para a súa conservación: pancratiummaritimun ou cebola das gaivotas, linaria polygalifolia ou paxariños, romuleaclusiana, medicagolitoralis, malconiamaritima, ou artemisia, entre outras.

Posteriormente, desmontáronse as estructuras que había na zona: os aseos da praia e a caseta na que o club de piragüismo de Portonovo almacenaba material. A continuación, fíxose a cimentación base do novo club que necesitou unhas semanas de consolidación antes de poder retomar os traballos coa instalación das vigas verticais.

Onte iniciábase unha nova fase, coa instalación dos cerramentos laterais e superiores da estrutura. Para finalizar as obras colocarase a instalación eléctrica, o saneamento, ventilación, tubaxes, aseos e demais material. Así pois, se todo continúa a este ritmo, o novo club de piragüismo será unha realidade en tres semanas.

O novo edificio ten unha superficie de 294 m2 e está formado por 2 naves de 23,50m. de longo, por 12,50m. de ancho e unha altura máxima de 4,90m. As naves contarán con dúas portas de 1,60 m.para embarcacións e outras dúas de 0.90m. para peóns. Inclúe un almacén para 104 embarcacións, 70 K-1, 28 k-2 ou 6 K-4. Ademais, un ximnasio, un local de instalacións, vestiarios feminino e masculino, aseos e un segundo almacén máis pequeno.

O exterior vai revestir cunha celosía de listóns verticais de madeira natural para mellorar a integración do edificio na súa contorna. Tamén se vai a instalar un valado lixeiro de madeira natural xunto á pasarela de madeira para protexer a vexetación dunar e vaise restaurar as zonas de duna próximas que estaban moi degradadas.

 

0
0
0
s2sdefault