Concello de Sanxenxo - Chega a Sanxenxo a Campaña de reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos dos Bolechas
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A campaña de sensibilización iniciada en decembro pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pretende fomentar hábitos relacionados co bo uso e recuperación de residuos eléctricos e electrónicos.

En Sanxenxo o punto de streetmarketing estará os días 30 e 31 de xullo no parque do Espiñeiro de 15.00 a 21.00 horas.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a desenvolver este verán unha nova acción de sensibilización en materia de reciclaxe de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). A iniciativa, que percorrerá 24 concellos, rematará en Sanxenxo os últimos días deste mes de xullo. Así, o martes 30 e o mércores 31 este municipio pontevedrés acollerá a acción de streetmarketing na que participan os Bolechas co fin de achegar a mensaxe ao público infantil e familiar.

A iniciativa, que estará aberta de 15.00 a 21.00 horas no parque do Espiñeiro, conta cunha carpa inchable tipo iglú con monitores especializados para informar a todas as persoas que se acheguen sobre a reciclaxe de RAEE. No interior da carpa, unha gran pantalla central con xogos interactivos e varias pantallas laterais proxectan vídeos informativos sobre o tema. Así mesmo, despregaranse valados e bicicletas na zona, que se utilizarán como soporte publicitario.

A campaña chega á Sanxenxo tras pasar xa por diversas localizacións, como Marín, Carballo, Narón, Lalín, A Coruña, Ponteareas ou Arteixo. En moitas delas coincidiu con festas destacadas, como foi en Allariz (Festa do Boi) Lugo (Arde Lucus), Mugardos (Festa do Polbo), Viveiro (ResurrectionFest) ou Santiago de Compostela, onde estivo coincidindo coa celebración do Son do Camiño. Deste xeito búscase que a mensaxe chegue ao maior número de persoas.

Mellorar a xestión dos RAEE 

O principal obxectivo desta nova iniciativa de carácter divulgativo é fomentar o coñecemento sobre as prácticas de consumo actuais e como inciden na nosa contorna para poder facer unha mellor xestión dos RAEE. Para iso é esencial aumentar as actuais taxas de recuperación deste tipo de residuos. Paralelamente, trátase de proxectar a imaxe de Galicia como pioneira en sustentabilidade e educación ambiental desde a infancia, como vía para contaxiar ao resto da sociedade.

0
0
0
s2sdefault