Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL E O SERVIZO DE EMERXENCIAS ADAPTAN O SEU DÍA A DÍA ÁS NECESIDADES XURDIDAS TRAS A CRISE DO COVID 19
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O estado de alarma decretado polo goberno de España para frear a propagación do Covid 19 supuxo importantes cambios no día a día da Policía Local de Sanxenxo. “Ata agora gran parte do noso traballo centrábase no control do tráfico, pero co Covid 19 houbo un antes e un despois. As funcións ordinarias do día a día desapareceron”, explica o oficial Marcial Juviño.

As dúbidas xeradas na poboación, tras decretarse o confinamento, sobre o que podían e non podían facer desbordaron os primeiros días a central da comisaría. “Os primeiros días as chamadas disparáronse porque a xente non tiña claras as restricións e que comportamentos poderían carrexar unha sanción”, apunta. Entre as consultas máis habituais, Juviño destaca a forma de viaxar nun vehículo cando o condutor leva acompañante, dúbidas sobre o paseo de mascotas e distancias que se poden percorrer ou sobre os traballos agrícolas en leiras que non están anexas á vivenda ou negocios que tiñan dúbidas sobre se podían abrir ao público. “No coche débese viaxar co acompañante na parte traseira e ambos con máscara, o máis distanciados posible”, incide. Respecto dos labores no campo, “os autónomos poden seguir realizando coas medidas de protección o seu traballo porque é o seu medio de vida, pero no caso de persoas que queiran facelo para autoconsumo só poderán facelo en leiras a menos de cincocentos metros da súa casa e cun máximo de dúas persoas por parcela”, sinala. En canto ao paseo de mascotas, recalca Juviño que debe facerse por “un espazo curto e nas proximidades da vivenda”. De feito, unha das sancións a un veciño de Sanxenxo por saltarse as normas de confinamento debeuse a un “distanciamento inxustificado” da súa casa durante un paseo coa súa mascota.

Os primeiros días centráronse na concienciación cidadá e nun labor meramente informativo, aclara Juviño, pero tras a primeira semana comezaron as denuncias. “En xeral os veciños están a portarse bastante ben e cumprindo coa norma. Polo momento levamos cinco denuncias por incumprimento do decreto e incrementouse considerablemente a vixilancia en todo o municipio tanto no centro urbano como o rural con dúas patrullas”, sinala.

Respecto ao recoñecemento que día tras día os veciños realizan desde as súas xanelas e balcóns ao persoal sanitario e aos corpos e forzas de seguridade cidadá, Juviño teno claro. “Eses aplausos son para os sanitarios que están en primeira liña, nós achegamos o noso gran de area, pero os cidadáns tamén se merecen este aplauso porque é moi difícil a situación pola que están a pasar e estano facendo razoablemente ben¬¬”, asegura.

Emerxencias Sanxenxo tamén viu alterada a súa rutina de traballo polo Covid 19. Os efectivos deste servizo encárganse do novo sistema de atención posto en marcha polo goberno local para a subministración de alimentos e medicamentos a veciños que estean sós na súa casa e que non poidan saír á compra e recados de primeira necesidade diarios. Varios veciños recorreron ao 986 72 00 00 desde a súa posta en marcha para realizar compras en supermercados e en farmacias. “Chamáronnos algunhas persoas para informarse do servizo desde a súa posta en marcha e preguntarnos polo seu funcionamento”, explica o xefe de Emerxencias Sanxenxo, Antonio Folgada. As entregas nos domicilios realízanse sempre co material de protección e con todas as medidas de seguridade dispoñibles. Desde esta mesma semana, encárganse tamén de realizar os paquetes do banco de alimentos que habitualmente reparte Cáritas ás familias do concello que o necesitan. “Fixemos xa tres traslados deste tipo a domicilios”, apunta Folgada.

0
0
0
s2sdefault