Concello de Sanxenxo - O GOBERNO LOCAL DETALLA Á OPOSICIÓN VÍA TELEMÁTICA AS MEDIDAS TOMADAS POLA CRISE DO COVID 19 EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, xunto á portavoz do goberno, María Deza, expuxo hoxe nunha reunión telemática coa oposición as medidas adoptadas polo executivo local desde o inicio da crise do Covid 19. Unha das primeiras accións foi o bloqueo dunha partida de dous millóns previstas para investimentos para axudas económicas motivadas polo peche ou paralización de actividade, pero tamén se reforzou a atención de Servizos Sociais e a limpeza e desinfección de espazos públicos. Outras medidas adoptadas polo estado de alarma foron a limpeza e desinfección de espazos públicos e edificios municipais, a confección de 32.000 máscaras de tea homologada sanitariamente que permiten até 300 lavados. A intención de Concello é seguir facilitando máscaras durante os próximos meses.

O alcalde explicou que a expensas das axudas que se activen desde a administración estatal ou autonómica, o goberno local xa puxo en marcha medidas que suman 580.000 euros. Entre estas axudas inclúese a bonificación do 100% da taxa de terrazas e do 50% da taxa de lixo a 1.032 establecementos entre hoteis, restaurantes, bares, comercios e negocios aos que non se lles cobrarán os dous últimos trimestres do ano. Outras medidas que o goberno baralla están pendentes de coñecer a folla de ruta e o calendario que aprobe o goberno de España sobre a reactivación da hostalaría e sector turístico. Martín detallou que "estamos a valorar conceder axudas a aqueles negocios que teñan que facer obras para adaptarse ás medidas de seguridade".

Ademais, habilitáronse partidas económicas para axudas de emerxencia na compra de alimentos facilitando cartóns a 85 familias. Antes do coronavirus 29 familias recibían entre 120 e 188 euros mensuais para a compra de alimentos agora 56 familias máis reciben este tipo de axudas. Se fose necesario o goberno xa ten previsto a posibilidade de aumentar as partidas para esta prestación, ben porque aumente o número de familias ou haxa que prolongar a axuda durante moito tempo. Estas prestacións concédense en base a uns criterios obxectivos e medibles que son habituais en todos os concellos. En canto ao persoal do Servizo de Axuda non Fogar, o Concello de Sanxenxo xa se puxo en contacto co subministrador de tea provedor do Sergas para confeccionar batas impermeables para as traballadoras do SAF.
Desde a oposición, expúxose a posibilidade de crear un directorio de establecementos que permanecen abertos para facilitar aos veciños a compra no comercio local, establecer direccións para peóns para evitar a confluencia de persoas en puntos como o Paseo de Silgar así como axudas e mediación para alugueres de vivenda e de locais. Unhas medidas que o goberno se comprometeu a estudar. O alcalde, Telmo Martín, emprazoulles para outro encontro o próximo 8 de maio para avanzar máis propostas e analizar a situación.

 

 

 

 

 

 

0
0
0
s2sdefault