Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO REPARTIRÁ PINCHOS USB DE CONEXIÓN DE INTERNET A 60 FAMILIAS PARA RECIBIR EDUCACIÓN TELEMÁTICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo repartirá pinchos USB de conexión de internet a 60 familias co obxectivo de facilitar e liquidar os problemas xurdidos co desenvolvemento das clases telemáticas polo Covid 19. Por mor da última reunión do Grupo de Traballo de Calidade Educativa na que estiveron representados todos os colexios e institutos do municipio xurdiu a necesidade de reforzar a axuda a familias con dificultades para poder acceder á formación a distancia ao non dispor de internet.

O goberno local pediu a colaboración dos centros educativos para detectar os casos e poder pór solución ao que resta de curso. O resultado foron 60 peticións repartidas entre o colexio de Magaláns, A Florida, Portonovo, Nantes, Cruceiro, Telleiro, Abrente, IES Sanxenxo e IES Vilalonga. Os pinchos terán unha capacidade de 20 GB e serán repartidos ao longo desta semana pola Policía Local a cada vivenda.

Ademais, algúns colexios como Nantes, Portonovo e Telleiro solicitaron axuda para a repartición de material do alumnado que será repartido polo servizo de Emerxencias e Policía Local aos distintos domicilios. O propio centro encárgase de elaborar as bolsas co material que se realizará nunha soa entrega por colexio. A través de Emerxencias en coordinación coas direccións dos centros e a Concellería de Educación repartíronse 23 computadores aos alumnos que carecían de medios para acceder á formación telemática.

O vindeiro xoves celebrarase unha nova reunión por videoconferencia do Grupo de Traballo de Calidade Educativa na que se realizará un seguimento das medidas adoptadas e acordadas na anterior convocatoria. Ademais, analizarase a posibilidade de establecer clases de reforzo durante o mes de xullo e a realización de actividades para menores de 6 anos nos centros educativos.

0
0
0
s2sdefault